Nigrán saca a licitación a ampliación do saneamento nas rúas Xestal, Lagoíña e Palomar

O Concello de Nigrán sacou a licitación as obras de ampliación do saneamento nas rúas Lagoíña, Xestal e Palomar, e tamén de abastecemento nesta última (única que carece do mesmo). As empresas dispoñen ata o 13 de novembro ás 14:00 horas para presentar as súas ofertas. Trátase de tres rúas con gran concentración de vivendas, Palomar atravesa os barrios de Nogueira e Sanromán (parroquias de Nigrán e Priegue) e Xestal e Lagoíña os barrios de Ceán, A Barxa e Lagoíña (parroquia de Nigrán). O orzamento base de licitación é de 198.987,22 € ao cargo do Plan Concellos 2018, estando previsto un prazo de execución de tres meses.

«É unha obra moi demandanda porque beneficiará a decenas de vivendas e, dende o goberno, temos o compromiso de ir ampliando a rede de abastecemento e saneamento ata chegar ao 100% do municipio», sinala o alcalde, Juan González.

As obras, que teñen como cometido construír novos ramais, poden dividirse en dúas zonas de actuación: por unha banda, na zona de Lagoíña e Xestal en 250 metros da EP-2101 (antigamente PO-3323) e por outro na rúa Palomar, entre San Román e A Tarela. Os colectores de saneamento que se instalarán baixo gabia serán de PVC de 250 mm de diámetro e o de abastecemento de Xestal de 63 mm. A reposición do firme realizarase coas mesmas características do existente.