Anuncios
Ticker de novas

“O Partido Socialista será a forza máis votada na provincia de Pontevedra”

FOTO: PSOE // Reunión da Executiva Provincial.

As e os socialistas da provincia de Pontevedra avanzan na proclamación dos seus candidatos para as Eleccións Municipais do vindeiro ano, dentro do proceso democrático de primarias internas que se está levando adiante no seno do partido. David Regades, Secretario Xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, deu a coñecer os primeiros nomes dos candidatos e candidatas nos concellos da provincia de máis de 20.000 habitantes.

No caso dos concellos de Ponteareas, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía non se farán primarias, ben por tratarse de concellos con goberno socialista – caso de Vilagarcía ou de Vigo- ou ben porque se presentara un só candidato, caso de Ponteareas e Pontevedra. Nestes últimos, ao presentarse unha única candidatura, non haberá lugar a eleccións. No caso de Ponteareas a elixida é María Jesús Garrote Represas mentres que Pontevedra volverá a apostar por Agustín Fernández González.

Si haberá primarias no caso de Marín e Redondela, onde se presentaron dúas candidaturas. No concello de Marín deron un paso adiante María Luz Santiago Suárez e Manuel Ángel Pazos Lamoso, mentres que no caso de Redondela, as e os militantes escollerán entre as propostas de dúas mulleres socialistas: Olga Rodríguez Puga e Digna Rosa Rivas Gómez. A Estrada, Lalín e Cangas solicitaron aprazamento por estratexia electoral.

Trátase dunha resolución provisional, pendente da ratificación definitiva por parte da Comisión Nacional de Garantías Electorais, e que quedará tamén pendente de que os candidatos presenten os avais correspondentes, que deben sumar polo menos un 5% do total do censo de militantes nese municipio. Superado ese trámite, a proclamación oficial destas candidaturas será efectiva entre o martes, 30 de novembro, e o sábado, 3 de novembro. A partires desa data comezará o tempo de campaña informativa para aqueles que concellos que si teñan que facer primarias, que se celebrarán como xa se anunciara, o vindeiro 18 de novembro.

O obxectivo, tal e como explicou Regades, “é continuar a traballar na política municipal para que o partido socialista sexa a forza máis votada na provincia”. Neste sentido, o secretario xeral aproveitou para valorar positivamente o esforzo das e dos militantes que asumen o compromiso da carreira electoral e abonou nas nefastas consecuencias que está a ter a política do Partido Popular na provincia.

“Á Xunta non lle importan os seus pequenos nin os seus maiores”

O secretario xeral cargou contra Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. “O modelo sanitario do PP está esgotado”, sinalou Regades. “Cada vez temos menos persoal sanitario que ten que atender a unha área maior, o que fai completamente imposible unha atención de calidade. O PP xa tivo que recuar co do pediatra de área, pero o que non soluciona é a falta de pediatras e médicos de cabeceiras en moitos dos nosos concellos: Ponte Caldelas e Campo Lameiro están sen pediatra, o de Cuntis e Moraña foi trasladado a Caldas de Reis, ou a derivación de toda a zona norte de Cerdedo-Cotobade a Forcarei, que ten un pediatra a media xornada”, denunciou o líder dos socialistas.

Anuncios