Iria Misa presenta en Baiona o libro “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”

A escritora baionesa Iria Misa presenta hoxe venres 26 de outubro a súa última novela, “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, ilustrada por Alba Barreiro, e que conta a historia de Aine, unha meniña de nove anos que de maior quere ser igual que un músico marciano chamado Ziggy Stardust. Será ás 20:00 horas no Bibendum de Baiona (Rúa Ventura Misa, 30). A autora estará acompañada por Manuel Bragado e Cristina Palacios, presidenta da asociación Arelas, e contará coa actuación musical de Starman e Chinagirl.

Aine contaba nove anos a primeira vez que viaxou cos seus pais de vacacións. Naqueles días, ademais de percorrer a cidade, visitaron unha exposición. Era sobre unha estrela de rock que mudaba de aspecto coma os camaleóns. Un arreguizo estraño percorreulle o corpo cando se fixou na roupa que vestía, pois non soubo se era de home ou de muller. Emocionouse ao ver que tiña o cabelo roxo, tan semellante ao seu. Escoitou aquela canción que falaba dun extraterrestre que só quería cantar e bailar e tivo unha revelación: Aine, de maior, sería igual que Ziggy Stardust, un músico marciano que podía ser todo o que lle dese a gana. Coa axuda de Thomas, o seu inseparable amigo imaxinario, íao lograr.

2018-10-26 - mama_quero_ser_ziggy_stardust