Gondomar adxudica o servizo de comedor escolar a “Alimentación Saludable Gallega SL”

O goberno municipal de Gondomar vén de asinar o contrato de servizo de cátering e de persoal monitor/coidador de comedor escolar para os centros de Educación Infantil e Primaria dependentes do Concello. A empresa adxudicataria é “Alimentación Saludable Gallega SL”, por importe de 247.050 euros anuais (IVE Incluído) e cunha duración de dous anos.

O contrato inclúe a elaboración de comidas, o seu servizo e a vixilancia e atención ao alumnado con persoal monitor/coidador no CEIP Souto Donas, o CEIP Serra-Vincios, CEIP Neira Vilas e CEIP Chano Piñeiro. A empresa deberá elaborar as comidas nas súas instalacións de cociña e distribuír os menús ata as mesas do comedor escolar, incluído a súa repartición entre os comensais, e finalmente recoller o material empregado e limpar o comedor e as estancias necesarias para a prestación do servizo e os baños.

Así mesmo, realizará os labores de vixilancia, asistencia e coidado do alumnado durante a utilización do servizo de comedor así como nos períodos anterior (desde a finalización da última clase da mañá) e posterior á utilización do mesmo. Ademais fornecerá xabón e toalliñas necesarias para os bos hábitos de hixiene nos baños.

A empresa ofrecerá máis de 25 menús diferentes, cun primeiro prato composto basicamente de arroz, legumes, pasta, verduras e hortalizas, un segundo prato que incluirá peixe, carne ou ovos, e que se acompañará dunha guarnición de verduras, hortalizas ou patacas, e un terceiro prato ou sobremesa, que incluirá fundamentalmente froita ou derivados lácteos, como queixo ou iogur, ademais dun bolo individual de pan fresco do día e auga mineral.

Tamén realizará un programa de promoción da saúde, promoción de hábitos alimentarios saudables e de desenvolvemento de habilidades persoais, de convivencia e de tolerancia entre os escolares.