Cidadáns presenta novo grupo local en Baiona

FOTO: CS // Adolfo Valverde, Miguel Carballal, Laureano Bermejo e Javier Alonso.

Cidadáns continúa coa súa expansión e crecemento en Galicia coa presentación esta tarde do seu novo grupo local de Cs en Baiona. No acto de presentación, a xunta directiva do novo grupo local estivo arroupada por membros do Comité Autonómico do partido en Galicia: Laureano Bermejo, secretario de organización autonómico, e Javier Alonso, portavoz de Cs Galicia por Pontevedra.

O novo coordinador local, Miguel Carballal, comezou o seu discurso agradecendo a todos a súa presenza na posta en marcha dun novo grupo local de Cs que nace, dixo “co obxectivo de facer unha política próxima, para todos os nosos veciños» e do que salientou, «nace seguindo o ronsel e o exitoso exemplo de Cidadáns en Cataluña, un proxecto que, naceu con todos os factores en contra, e que recentemente foi capaz de gañar as eleccións nesa comunidade”.

Miguel Carballal quixo ademais poñer en valor os que definiu como, “os 4 alicerces no que se basea este proxecto que nace hoxe en Baiona” en referencia a “as persoas que o integran, o programa no que xa se está traballando, os valores do grupo local e o propio partido”, destacando o labor do proxecto de Cs ao que se puxo como un auténtico exemplo de “transformación da vella política e exemplo de transparencia en política”.

Na súa quenda de palabra, Adolfo Valverde, portavoz de Cs en Baiona, destacou a importancia da política 2.0 no ámbito local e esbozou as liñas de traballo “nas que xa se está avanzando” e que dixo, “están centradas en atender as problemáticas locais como son, o endebedamento do municipio ou a falta de diversificación e oportunidades na economía local”. Destacou ademais “a innovación, a tecnoloxía e a sustentabilidade como as liñas mestras dun proxecto, o de Cs, que agora queremos achegar a todos os veciños de Baiona”.

2018-10-26 - baiona 2 copia

Anuncios