
A Asociación Cultural Centáurea, coa colaboración do Concello de Gondomar e a Deputación de Pontevedra, organiza un magosto e xogos populares para este domingo 28 de outubro a partir das 16:00 horas en Gondomar.
Nesta xornada vaise conxugar a máis senlleira tradición do outono, o magosto, coa reivindicación da nosa cultura popular. Así ademais da degustación de castañas asadas, achegarán á mocidade, á rapazada e a toda a veciñanza local a unha amplísima variedade de xogos populares.
Os xogos estarán repartidos en diversas situacións entre o campo de bolos de As Cercas e o CDL (colexio vello). Con un conxunto de máis de trinta xogos de interior e exterior, pertencentes a entidades desta bisbarra e á colección do Concello de O Grove, os asistentes van coñecer unha excelente escolma de trebellos que forman parte da nosa cultura cos que poderán enredar e poñer a proba o seu enxeño e habilidade, asistidas e orientadas por persoas expertas no seu manexo.
Convidan á veciñanza en xeral a compartir esta festa da tradición e da cultura popular, na que tamén contarán con música e canto tradicional que traerán Ecos e Agarimos, do Centro Cultural de Peitieiros, e desde Vigo o Orfeón Mariñeiro do Berbés.