O Vigo-Rías Baixas inicia o seu asalto á Copa de España

Este domingo chega a primeira gran cita da tempada 2020 para o Vigo-Rías Baixas. A estrutura presidida por José Luis Chamorro disputa na localidade estremeña de Don Benito o Circuíto Guadiana, proba inaugural da Copa de España. Tres corredores con experiencia no campo profesional serán as referencias do conxunto flúor na apertura do certame máis prestixioso do calendario Elite e Sub-23 estatal.

Por quinto ano consecutivo o Vigo-Rías Baixas forma parte da nómina de equipos oficiais da Copa. A pasada campaña asinou o seu mellor resultado histórico ao lograr a quinta posición na clasificación xeral por equipos e contando cun representante entre os dez primeiros da clasificación individual.

Coas fichaxes realizadas durante os últimos meses e co regreso de Marcos Serrano ao posto de director deportivo, o club con sede en Vigo aspira ao máximo nunha competición reservada a ciclistas menores de 25 anos e que este curso ampliou a once o número de carreiras puntuables.

O último ensaio realizado pola formación olívica a pasada fin de semana no Memorial Manuel Sanroma confirmou o bo estado de forma de dúas dos seus xefes de filas. Na primeira etapa Daniel Viejo obtivo a sétima praza e Mauricio Moreira, a novena. Xunto ao asturiano, ex do Eukadi-Murias, e ao uruguaio, ex do Caja Rural, estará en Don Benito outro corredor con experiencia a nivel profesional como o venezolano Edwin Torres. Os sub-23 Asier González, Carlos Amil, Guillermo Mallo e Joan Nicolau, gañador esta tempada do Trofeu Cala Millor, completan a aliñación.

A 54ª edición do Circuíto Guadiana non presenta novidades no seu percorrido habitual de 171 quilómetros. Desde as 10:00 horas os ciclistas darán catro xiros a un circuíto de 42,8 km que inclúe a ascensión ao curto pero esixente Alto de Magacela. Esta cota de pouco máis de mil metros, pero que conta cun 11% de pendente media ao longo das súas ramplas, atópase a 20 quilómetros do arco de meta.