Anuncios
Ticker de novas

Unha vintena de persoas fórmanse en Baiona en Hixiene e Atención Socio Sanitaria

Cruz Vermella, clausurou esta mañá en Baiona o curso de “Hixiene e Atención Socio Sanitaria” organizado polo Plan de Emprego, e a empresa Idades S.L. e que contou coa colaboración do Concello de Baiona no que participaron 20 persoas. O acto contou coa asistencia de Purificación Serrano, presidenta de Cruz Vermella en Vigo, Víctor Durán, xerente da empresa Idades, Mª del Carmen Paredes, concelleira de Benestar Social, Igualdade, Comercio e Mercados, e Ángel Rodal, Alcalde de Baiona.

Esta acción formativa desenvolveuse do 1 ao 25 de outubro no Multiusos Ángel Bedriñana en horario de mañá nunha aula cedida polo concello cunha duración de 150 horas coa realización de 60 horas de prácticas non laborais e posibilidade de contratación en colaboración con Idades SL, empresa que se encarga do Servizo de Axuda no Fogar en Baiona.

O perfil dos 20 alumnos é o de mulleres (2 homes e 18 mulleres), con idades entre 25 e 50 anos, desempregadas e de varias nacionalidades, a maioría delas de Baiona aínda que tamén había algunha de Nigrán e Gondomar. O obxectivo do curso foi formar persoas que estean preparadas para traballar no sector da atención a persoas maiores na zona de Baiona e que queiran aproveitar esta oportunidade laboral.

“A atención ás persoas maiores e dependentes representa unha das máis importantes oportunidades laborais para os próximos anos, polo que é un curso interesante a realizar que pode brindar unha oportunidade a moitos dos que participaron nesta acción formativa”, matizou o rexedor.

Tanto Rodal como Paredes, ademais de felicitar aos participantes, animáronlles a que aproveitasen a formación “dada a alta demanda que ten o sector socio sanitario de axuda a domicilio, por empresas e centros residenciais”, sinalaron.

“Accións como esta serán a clave para unha profesión en crecente demanda, unha profesión que require non só dunha cualificación técnica específica, canto máis dunha actitude vocacional, cunha alta sensibilidade, e coa adquisición de estratexias de coidado integral e protección cara ás persoas máis vulnerables”, destacou a concelleira.

O obxectivo do itinerario formativo foi conseguir que o alumnado saiba axudar no ámbito socio-sanitario no domicilio a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e procedementos máis adecuados para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións coa contorna.

A presidenta de Cruz Vermella Vigo agradeceu ao Concello de Baiona a súa colaboración neste tipo de formación e comprometeuse a seguir desenvolvendo na localidade máis cursos a través do seu Plan de Emprego. Pola súa banda, o xerente de Idades, Víctor Durán, destacou a gran aposta do consistorio polo servizo de axuda a domicilio que aumentou horas e o número de beneficiarios.

SAD

O Concello de Baiona aumentou este ano un 70 % a partida destinada á prestación de servizo de axuda a domicilio para persoas con dependencia, pasando dos 130.000 do ano pasado aos 220.000 en 2018. No seu compromiso de mellorar o benestar das persoas con maiores necesidades, a Xunta concedeu un incremento de 12.132 horas anuais que se sumaban ás xa existentes, alcanzando un total de 32.212 horas dispoñibles. Tal situación, resolta polo equipo técnico dos servizos sociais, permitirá neste último trimestre dar resposta a demandas de horas en atención a domicilio a través de dependencia, incluíndo deste xeito algúns usuarios novos ou incrementando, no seu caso, peticións de ampliación de horas de servizo.

2018-10-25 - Curso Higiene y Atención Socio Sanitaria (3)

Anuncios