O goberno de Nigrán propón bonificar o imposto de rodaxe aos vehículos eléctricos, híbridos e a gas

O goberno de Nigrán levará ao pleno de hoxe unha moción para bonificar o imposto de rodaxe nun 50% aos vehículos híbridos ou a gas (GLP) e nun 75% aos eléctricos ou híbridos enchufables, etiquetados estes últimos pola DGT como “0 emisións”. A modificación da actual ordenanza situaría a Nigrán, unha vez máis, na vangarda dos municipios españois e europeos que fomentan verdadeiramente o uso das enerxías limpas entre os seus cidadáns (Nigrán é dende maio o único municipio de Galicia que conta cun punto de carga público e gratuíto xestionado polo propio consistorio).

«Trátase de incentivar entre a veciñanza a compra de vehículos sostibles; é un transporte moi silencioso e o 100% eléctrico non produce ningún tipo de emisións», resume o alcalde, Juan González, quen considera «unha labor da administración promover o uso de enerxías limpas e facilitar o acceso a elas».

Consecuentemente, nesta aposta do goberno local polo transporte sostible, o Concello vén de mercar unha furgoneta Nissan E-nv200 eléctrica para o departamento de Medio Ambiente que substitúe á unha Renault Diesel con 20 anos de antigüidade. Este novo vehículo adquirido por 18.000 € e con cargo a Deputación de Pontevedra dispón dunha autonomía de 150 km e conta coa vantaxe de que pode ser recargada na electroliñeira pública do Concello. A súa adquisición supón unha importante redución da cota de emisións de CO2 da flota municipal. «Debido ao horario laboral matinal do noso persoal e a que os percorridos son curtos, esta furgoneta adáptase perfectamente as nosas necesidades co conseguinte aforro de combustible que supón», incide Diego García, edil de Medio Ambiente.

Actualmente, no padrón de vehículos de Nigrán figuran 4 vehículos “0 emisións” e 60 “Eco”, e todos eles verían bonificado o seu respectivo imposto de Rodaxe con esta modificación da ordenanza. Paradóxicamente, debido aos parámetros de CV e cilindrada que se teñen en conta neste imposto, hoxe en día un turismo híbrido está pagando máis cun convencional. «Con esta modificación, un Toyota Auris híbrido pasaría de pagar 106 € a 53 €», exemplifica García. Os propietarios empadroados en Nigrán poden solicitar xa na Oficina de Información Cidadá do Concello a realización de recargas fóra do horario laboral do consistorio.

O Concello de Nigrán situouse en maio á vangarda de Galicia instalando a primeira electroliñeira dun Concello para uso público e 100% de xestión municipal. Este punto de carga semi-rápida atópase no aparcamento da Casa Consistorial e conta con dous tomas de alta potencia de 22 KW válidas para senllos vehículos (cómpre destacar que a maioría das que se atopan en parkings ou establecementos privados son de 3,6 KW). Todos os propietarios de coches eléctricos poden empregalo gratuitamente solicitando no Servizo de Atención Cidadá (planta baixa do Concello) unha tarxeta magnética válida para subministrar enerxía durante un tempo máximo de 60 minutos (suficiente para cargar o 50% das baterías).

Anuncios