O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, considera lamentables e moi desafortunadas as declaracións e a petición do alcalde Juan González á asociación de empresarios Ovalmi, ao pedir aos seus dirixentes que presionen aos grupos da oposición para aprobar un malgasto no gasto de facturas pendentes de pago por importe de 71.193€, levadas a cabo polo seu goberno sen control nin expedientes administrativos de ningún tipo, e sobre todo, facturas sen conformar por parte dos técnicos municipais, “e o que é peor, saltándose deliberadamente a lei ao eludir a fiscalización previa do gasto por parte da Intervención municipal, entre as moitas irregularidades postas de manifesto no expediente. Ou é que lle remorde a conciencia por non pagar aínda os premios do concurso de escaparates e ambientación do Nadal de Olvami, por importe de 300€ do ano 2017?
UCN lamenta a irresponsabilidade do alcalde Juan González, por realizar uns gastos sen encaixe orzamentario algún –e sen ter a maioría para aprobalos-, enganando aos provedores, a propósito de que non podería pagarlles polo traballo ou subministración realizado, aproveitándose da boa fe de máis de 100 provedores que confiaron en que o encargo realizado cumpría con todos os requisitos regulamentarios, pero atopáronse que moitos levan esperando para cobrar desde hai case un ano, provocando serios problemas a moitos pequenos autónomos, cando ademais, o alcalde era consciente de que non podía asumir o compromiso contraído para pagar as facturas no prazo establecido.
UCN considera os feitos protagonizados polo alcalde como de puro cinismo político, ao pretender tapar a súa responsabilidade e nefasta xestión económica, “non só no atraso do pago das facturas a provedores –senón que nin tan sequera rendeu aínda as contas do ano 2017 o que resulta vergoñoso-, en gastos que na súa maioría son de propaganda política, publicidade e autobombo, entre os que preto de 40.000€ correspóndense con subvencións encubertas a distintos colectivos e actividades, á marxe do plan de subvencións establecido para actividades culturais, deportivas, veciñais, festexos populares etc., polo que puidésemos estar ante un clientelismo ou amiguismo político lamentable no reparo de diñeiro público –como se adoita dicir política de amiguetes-, e pretender o alcalde Juan González facerse pasar por un rei mago, asumindo compromisos alegremente para quedar ben e logo non pagar, para culpabilizar despois á oposición sen rubor de ningún tipo”, conclúe o portavoz independente.

