Anuncios
Ticker de novas

“Desde o minuto cero a nosa presenza nese goberno non era ben recibida por Paco Ferreira”

Os tres concelleiros de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, Xosé Antón Araúxo e Rocío Cambra, deron este martes unha rolda de prensa tras a súa expulsión do goberno municipal de Gondomar. O resultado das eleccións de 2015 deu como resultado unha corporación con cinco forzas políticas, con catro concelleiros do Partido Socialista e outros tantos do Partido Popular, e tres de Manifesto Miñor, tres de Gondomar Concello Aberto e outros tres de Iniciativa por Gondomar.

Para Araújo, o ata agora Tenente de Alcalde e concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, “é unha mensaxe clara da cidadanía, que nos está dicindo pacten, acorden e xúntense”, tendo en conta que 10 concelleiros son de esquerda-galeguista e sete son da dereita. “Os novos tempos da política, dos que tanto se fala, en Gondomar xa hai tempo que chegaron, e eses tempos que viñeron para quedar son pacto, corporacións moi plurais e por tanto consenso e diálogo. As maiorías absolutas, levantar a man e pasar o rodete, acabáronse”.

Araújo opina que esa é unha lectura que todos os partidos de esquerdas deberían facer en Gondomar, “polo que se ve menos o PSOE”. “Manifesto Miñor tivémolo claro sempre e por iso aguantamos este pacto de goberno, porque tamén entendiamos que era necesario facer a pedagoxía política do pacto, e desde logo pola nosa banda non quedou. Nós somos expulsados dun goberno. As motivacións verdadeiras e mesmo os personaxes que están detrás desta expulsión, son para nós exactamente as mesmas que guiaron a moción de censura do 2009, contra o meu goberno”.

Con todo, segundo Araújo, esta vez fano “dunha maneira moito máis refinada, pensaron eles, porque ao final converteuse nun esperpento total e absoluto. Unha asemblea do PSOE para romper un goberno de esquerdas e están en primeira, segunda e terceira fila, militantes e activistas recoñecidos por todos nós do Partido Popular, con nomes e apelidos. Neste sentido, emprazamos publicamente ao Partido Socialista a que aclare isto, non a nós que xa sabemos o que hai, senón aos centos de votantes, simpatizantes e afiliados do PSOE honestos que hai en Gondomar”.

“Cando nós asinamos o pacto de goberno comprometémonos, obviamente coa cidadanía, coa xente, a levar a cabo uns puntos e detectamos desde o minuto cero que a nosa presenza nese goberno non era ben recibida por Paco Ferreira porque nós nunca miramos para outro lado. Aquelas cousas que mirabamos dentro do goberno que non eran correctas, dixémosllo sempre de forma leal. No tema da Praza de Abastos, nas dietas indebidamente cobradas… Ben é certo que el nunca nos fixo caso”, lembrou Araújo.

En canto á deslealdade á que apela Ferreira para a súa expulsión do goberno consideran que “non hai tal, a única deslealdade que hai é a súa cos votantes e os simpatizantes do Partido Socialista. Dicir que somos desleais por non votarlle a favor a asignación dun contrato do lixo cunha empresa ten o seu chiste, porque nós nese pleno dixémoslle textualmente que se el, o secretario do Concello e os técnicos explicábannos de forma clara e por escrito que o que se ía a votar non tiña ningún problema nin cuestión legal nós votabamos a favor”.

Ademais, desde Manifesto Miñor afirman que “sabemos agora que tiña pactado co PP e con IxG, agora Cidadáns, o apoio a ese contrato, a cambio da nosa expulsión do goberno como así foi. Por tanto esa escusa absolutamente peregrina puido ser outra”. Araújo móstrase convencido de que “sempre fomos un estorbo para un alcalde que quere converter o Concello nunha especie de casino”.

“Agora pasaremos á oposición, obviamente, sen ningún tipo de complexo, e coa satisfacción do traballo feito con honestidade, e obviamente puidémonos equivocar, pero tamén lle queremos dicir ao Sr. Paco Ferreira, que pasaremos a ser unha oposición moi contundente, durísima, pero tamén rigorosa. Iso tamén que o teña claro. Con esta decisión que acaba de tomar, insisto apoiada pola dereita local, o único que fixo foi adiantar catro meses a campaña electoral. Pensa que isto vai ser un paseo triunfal e pensa que vai facer unha campaña electoral permanente de hoxe en diante, equivócase, porque nós imos estar aí para ser oposición”.

Desde Manifesto Miñor aseguran que van traballar para crear ao redor o seu proxecto, pero aberto a todo o mundo, unha alternativa galeguista e de esquerda real “a toda esta tropa que representa Paco Ferreira e a dereita local, que el tamén representa. Adiantou a campaña electoral cinco meses, pensando en que agora vai vender o noso traballo, o que nós fixemos, esa é a súa intención, quedar el só como vendedor do traballo dos demais”.

“Nós lamentamos todo isto porque Gondomar perdeu unha oportunidade importante e todo isto que el provoca, que nós xa sabemos que a el non lle importa senón non o faría, o que está a facer é dándolle facilidades á dereita para que goberne no Concello. Todo o que se fixo en Gondomar fomos pioneiros en todo o país, os microcréditos, o Centro de Día xestionado por unha cooperativa de traballo social, un PXOM con moita participación, o voluntariado medio ambiental, o banco de tempo, os composteiros urbanos que se puxeron en marcha, o banco de alimentos con voluntariado…”.

“Paco Ferreira, calquera consello, xa non digamos crítica, calquera recomendación, sempre a viu como unha agresión, persoal ademais, e unha deslealdade”, concluíu Araújo.

Anuncios