Anuncios
Ticker de novas

O Cereixa e Cantares do Brión retiran milleiros de eucaliptos na zona dos petróglifos de Auga da Laxe

FOTO: COMUNIDADE DE MONTES DE VINCIOS // Cantares do Brión retira eucaliptos da zona dos petróglifos de Auga da Laxe.

A Comunidade de Montes de Vincios solicitou a colaboración de varias entidades da parroquia e da contorna para eliminar o eucalipto que está nacendo a moreas no Galiñeiro despois dos incendios do ano pasado. A resposta non se fixo esperar e foron moitos os que xa foron ou van ir xa que aínda queda moito por facer para que o monte volva á súa situación anterior.

Os últimos en colaborar recuperando o espazo gañado polos eucaliptos foron este mesmo sábado os integrantes do Cereixa Gondomar FS pola mañá e os membros de Coro Tradicional Cantares do Brión pola tarde, eliminando segundo a Comunidade de Montes máis de 150.000 eucaliptos na zona dos petróglifos de Auga da Laxe, onde a densidade é de entre 80 e 100 eucaliptos por metro cadrado.

Antes xa o fixeran os alumnos do IES Escolas Proval, do IES Terra de Turonio e o CEIP Serra-Vincios, o voluntariado medioambiental do Concello de Gondomar, a Agrupación Deportiva Vincios, a Comunidade de Montes, a Comunidade de Augas e a Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios e o equipo BTT+Enduro.

O próximo domingo, 28 de outubro, é a Agrupación Musical de Vincios a que convoca unha xornada de retirada de eucaliptos, con punto de encontro ás 10:00 da mañá no merendeiro do Monte Galiñeiro. Recoméndase levar roupa axeitada e luvas.

 

Anuncios