Anuncios
Ticker de novas

Máis de medio milleiro de persoas reclaman un Parque Natural para a Serra do Galiñeiro

FOTO: MANIFESTO MIÑOR // VII Andaina pola Protección da Serra do Galiñeiro.

Máis de medio milleiro de persoas secundaron este domingo a convocatoria da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, e participaron na súa VII Andaina, que nesta ocasión partiu ás 10:30 da mañá desde a Ermida das Neves para completar un percorrido de 10 quilómetros por sendeiros fáciles con poucos tramos de desnivel. Unha vez finalizada a ruta, que durou máis de catro horas, tivo lugar a lectura do manifesto a cargo do renombrado alpinista Sechu López.

Os organizadores decidiron recuperar este ano a andaina, que non celebrou no 2017, tras coñecer a ameaza dunha nova explotación eólica nos cumes da serra, retomando así as mobilizacións e seguindo na liña de rexeitamento a calquera proxecto que supoña a destrución dos seus valores. “A Plataforma seguirá loitando ante calquera proxecto de agresión tal e como expresou na última manifestación celebrada en Compostela o pasado mes de xuño contra a megaminería”.

Así mesmo fan un chamamento a todos os grupos políticos de cada un dos concellos que ten territorio na serra -Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui- para que articulen a protección do Galiñeiro na canle administrativa e política que corresponda, apelando tamén a todos os propietarios e propietarias, sexan particulares ou comunais, e por suposto a toda a cidadanía, para que defendan o que en definitiva “é de todos e de todas”.

“Nós seguiremos reclamando para a Serra do Galiñeiro a protección que merece e precisa, para que este monte poida servirlle de sustento ás próximas xeracións e para que no futuro siga sendo lugar de desfrute”. Por todo isto a Plataforma esixe á Xunta de Galicia que se eleve o nivel de protección da Serra do Galiñeiro incorporándoa no Parque Natural do Monte Aloia, reclamación xa realizada no 2008 pola Comunidade de Montes de Vincios.

Anuncios