Anuncios
Ticker de novas

O programa “DFiesta en La 2” estréase coa Arribada de Baiona

Chega “DFiesta en La 2”, un percorrido polas festas populares máis interesantes de España e Europa, tanto polas súas propostas culturais como polo seu atractivo turístico. Un programa presentado pola actriz e humorista Sara Escudero que mostrará varias localidades a través das súas festas populares, a súa xente e as actividades que levan a cabo. O programa estréase este domingo ás 19:05 na festa da Arribada en Baiona.

Dirixido por Montse Rigall, “DFiesta en La 2” visita localidades españolas e europeas para coñecelas a través da súa festa popular máis multitudinaria. O programa descobre recunchos interesantes tanto pola súa cultura (antropolóxica, musical, gastronómica, arquitectónica…), como pola súa historia e o seu atractivo turístico. “DFiesta en La 2” propón explicar curiosidades históricas do pobo, coñecer as tradicións e os costumes da zona e dar voz aos veciños para descubrir a súa parte máis humana.

Cun ton ameno, agradable, desenfadado e divertido, Sara Escudeiro guía ao longo dos destinos elixidos en función da vistosidade da súa festa, coñece veciños interesantes cuxas historias enchen de contido a celebración e é o fío condutor desas anécdotas.

Estrea na festa galega da Arribada de Baiona

“DFiesta en La 2” estréase coa visita á localidade galega de Baiona para celebrar a festa da Arribada, declarada de Interese Turístico Internacional. Como cada 1 de marzo, conmemoran a chegada da carabela Pinta ao porto de Baiona coa noticia do descubrimento de América. Contan que chovía a cachón e que o mal estado da Pinta fixo reformular aos tripulantes o seu destino final. Un dos mariñeiros era de Baiona e propuxo facer escala no pobo antes de chegar a Cádiz.

Asisten na praia á espectacular reconstrución do relato de Martín Alonso Pinzón e os seus tripulantes do descubrimento dun novo mundo en 1493. Sara Escudero vive a Arribada cos músicos, xograres e malabaristas e entrevista a xente con encanto que fai posible a festa, como Teresa, a modista máis recoñecida da festa. Poderase escoitar un son moi especial, o do fol de Brais, e probar a receita do panadeiro Alberto Gándara que recuperou unha receita de 1493.

Anuncios