Anuncios
Ticker de novas

Medio centenar de persoas retiran lixo da praia de Patos

O Concello de Nigrán sumouse este sábado por segundo ano consecutivo, nesta ocasión con Prado Surf, á oitava xornada de limpeza simultánea de praias capitaneada pola asociación ecoloxista Adega. Medio centenar de persoas voluntarias participaron durante dúas horas na actividade, retirando da praia de Patos fundamentalmente cabichas e pequenos plásticos. Nesta edición interveuse nunha vintena de areais de toda Galicia.

As limpezas de praias son actos simbólicos, nos que non se debe ver ao voluntariado como man de obra barata para deixar limpos os areais. Son actividades de concienciación e educación ambiental que permiten que a cidadanía coñeza a problemática dos residuos mariños, a súa procedencia e os impactos que causan, así como avaliar cales son as medidas que cada un de nós pode desenvolver para minimizar este problema. Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos.

O Concello de Nigrán, como xa vén facendo co “Proxecto Ríos” de Adega, quere concienciar tamén sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática da contaminación mariña e das algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos.

Anuncios