Anuncios
Ticker de novas

Gondomar inviste 746.000 € na mellora de estradas e camiños nas parroquias

O Concello de Gondomar levará adiante un importante plan de investimentos para acondicionar e mellorar as estradas e camiños nas distintas parroquias do municipio. Algúns destes viarios daban mostras significativas da súa deterioración e total estado de abandono, xa que nalgún dos casos, facía máis de dúas décadas que non se realizaba ningún tipo de actuación nestes viarios.

Así, dentro das obras xa finalizadas, está a de Carrasquedo de Abaixo, na parroquia de Vilaza, na que se realizaron melloras na pavimentación, recollida de pluviais, incluíndo ademais bandas redutoras de velocidade para mellorar a seguridade viaria. Dita obra contou cun investimento de 61.000 euros e foi financiada co Plan de Camiños Municipais 2017-2018 da Xunta de Galicia. A maiores, e con fondos propios, mellorouse a rede de saneamento, por un importe de 48.000 euros.

Na parroquia de Vincios, en Hervillás, fixéronse actuacións nunha superficie aproximada de 1.000 metros cadrados, que consistiron en melloras do firme, recollida das augas pluviais, e colocación de canalizacións para o soterramento das subministracións, contando cun investimento total de 72.000 a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra 2017.

Nos próximos meses continuarase con este plan de actuacións, quedando pendentes de realizar obras como a do Barrio de Barcalla na parroquia de Donas, inmersa no Plan de Camiños Municipais da Xunta de Galicia, na que se contemplan actuacións nunha superficie aproximada de 1.600 metros cadrados, que leva consigo melloras no firme e canalización de pluviais por un importe de 60.000 euros. En Donas, San Cibrán, realizaranse proximamente traballos de acondicionamento da calzada, recollida de pluviais, dentro do POS 2016 cun investimento de 48.000 euros.

A piques de concluír a tramitación administrativa que se require, quedan pendentes as obras de Sequeirós, en As Razas, incluída dentro do Plan de Obras da Deputación de Pontevedra do 2018, por un importe de 150.000 euros e que abarca actuacións de mellora no pavimento, a canalización e soterramento das subministracións e a creación de beirarrúas a fin de mellorar a seguridade dos viandantes. Na parroquia de Borreiros, contémplase o acondicionamento no Camiño da Igrexa e San Martiño, que inclúe melloras nas cunetas e no firme, que non só melloran evidentemente o seu estado actual, senón que corrixe defectos de obras executadas con anterioridade nese viario. Está orzada en 115.000 euros incluída dentro do Plan Deputación 2017.

Tamén dentro do POS 2017, o Concello de Gondomar ten contempladas diversas actuacións en camiños do rural, as cales foron demandas polos veciños insistentemente durante décadas, ascendendo o seu importe global a 122.000 euros. Dentro das zonas de actuación cabe destacar a Urbanización Miñor, o Barrio de Escubichas, entre outras.

A contorna do Cuartel da Garda Civil e a súa futura humanización, é outra das apostas do Concello de Gondomar. Inclúe a creación de dous pasos de peóns e beirarrúas a ambos os dous lados do viario. Esta obra ten ademais como obxectivo a integración dese espazo co centro urbano. O investimento dese proxecto, que ascende a uns 70.000 euros, será afrontada con fondos da Deputación de Pontevedra dentro do POS 2018.

Anuncios