Anuncios
Ticker de novas

Baiona inaugura o primeiro talaso ao aire libre e gratuíto de Galicia

O Concello de Baiona inaugurou este sábado a primeira instalación de talasoterapia natural, ao aire libre e gratuíto de Galicia con tratamento de algas mariñas creado na antiga cetaria de Monte Boi que está situada xunto a Torre da Tenaza e a Doca, na que se cultivaba lagosta ata mediados do século XX, dentro do proxecto “Poseidón 2”. Desta maneira, convértese nunha piscina de 300 metros cadrados cun sistema de chorros que funcionará seis meses ao ano, nun marco inigualable, coas Illas Estelas e as Cíes de fondo e no horizonte o Océano Atlántico.

O alcalde, Ángel Rodal, asegurou na súa intervención que se trata de “un proxecto ambicioso” e que “será un referente a nivel saúde e benestar”. “Estou seguro que redundará no beneficio de todos os baioneses, de todos os visitantes e dos miles de turistas que nos visitan”. Pola súa banda, a deputada de Emprego, Monste Magallanes, mostrouse convencida de que esta actuación, que se desenvolve a través do Plan Concellos 2016, “vai ser un recurso turístico máis para goce de todos os veciños e turistas, que son moitos durante todo o ano, que se achegan a Baiona para gozar desta contorna tan privilexiada”. A institución provincial financiou o investimento cunha achega de 67.349,52 euros.

Este proxecto pretende dar un paso máis no desenvolvemento da zona, debido a que grazas ao “Poseidón 1” xa se conseguiu mellorar as instalacións e facer uso das bondades da auga de mar, mediante obras de saneamento e adecuación do muro da balsa, con accesos para acceder á zona do solarium en madeira de pendente como elemento de unión co paseo a través dunhas escaleiras de estrutura metálica e pasos das mesmas características que a plataforma. Aqueles traballos estiveron cofinanciados polo FEP (Fondo Europeo de Pesca), cun orzamento de 83.702,86 euros, dos cales 55.340,73 euros serían subvencionados nun 75% por Fondo Europeo de Pesca e o 25% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Anuncios