Anuncios
Ticker de novas

O Camiño Portugués da Costa xa duplica o número de peregrinos

A cidade de Vigo, unha das localidades polas que atravesa o Camiño Portugués da Costa, acolle desde hoxe e ata o 25 de novembro “Via Iacobitana, Os Camiños de Santiago en Galicia”, a nova mostra fotográfica que foi inaugurada hoxe no Museo do Mar pola directora da Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

A exposición, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, enmárcase nas actividades programadas este 2018, o Ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa en base ao calendario do Plan director do Camiño de Santiago. Un ano, ademais, no que o Camiño Portugués da Costa está a amosar a súa vitalidade xa que, cun balance de máis de 12.000 peregrinos no que vai de ano, está a duplicar os rexistros de 2017.

Para continuar contribuíndo á súa promoción, xunto aos traballos de acondicionamento, conservación e mantemento do seu patrimonio estanse a programar diversas actividades culturais ás que se suma “Vía Iacobitana”, unha nova expresión da creatividade contemporánea vinculada á cultura xacobea. Os fotógrafos galegos Tino Viz, Luis Gabú e Santi López transfórmanse en eventuais peregrinos amosando a súa particular visión as sensacións persoais que lles suxire a ruta elixida. A exposición poderá verse no Museo do Mar de martes a venres de 10,00 a 14,00 e de 17,00 a 19,00 horas e as fins de semana de 11,00 a 14,00 h. e de 17,00 a 20,00 horas.

Máis de 2,4 millóns de euros

Como explicou Nava Castro, a mostra forma parte do compromiso do Goberno galego por garantir a promoción, divulgación, conservación e mantemento de todos os itinerarios oficiais en Galicia para acadar un Camiño de Santiago “conservado, dinámico, vivo” e para responder á súa crecente internacionalización e diversificación coa vista no Xacobeo 21.

Neste sentido, o Goberno autonómico conta durante todo este ano cun orzamento total de 2,4 millóns de euros para acondicionar e sinalizar o Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa. Tamén se traballa na mellora da atención aos peregrinos coa posta en marcha de novas infraestruturas como o albergue de peregrinos no barrio do Berbés en Vigo no que a Xunta continúa a avanzar e que será o primeiro construído polo Goberno autonómico neste itinerario tras oficializarse como ruta xacobea.

Anuncios