O Pleno do Concello de Gondomar aprobou este xoves a adxudicación do contrato dos servizos de recollida e transporte de residuos urbanos, limpeza viaria e xestión do punto limpo á UTE formada polas empresas Fomento de Construcciones y Contratas S.A. (FCC) e Ingeser Atlántica S.L, o que supón desbloquear unha situación irregular na que se atopaba inmerso o servizo desde hai 4 anos.
Para a súa aprobación era necesaria a maioría absoluta do pleno. O PSOE contou co apoio de PP e IXG, mentres que os seus socios de goberno, Manifesto Miñor, abstivéronse, e Gondomar Concello Aberto votou en contra, ao considerar que a mellor opción era a remunicipalización do servizo. O importe da adxudicación é de 712.856,03 euros por un período de catro anos prorrogables por outros dous.
“Un día alegre para Gondomar por haber resolto un problema de anos, adxudicar a contratación do servizo da recollida de RSU e punto limpo, ao mesmo tempo que, decepcionante e triste, polo voto desfavorable dos chamados partidos de esquerdas (CABE e MM), estes últimos actualmente parte do goberno municipal”, lamentou o alcalde, Paco Ferreira.

