Anuncios
Ticker de novas

A ritmo de rap contra a violencia de xénero en Baiona

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, con gran sensibilidade pola necesidade de acometer programas específicos de igualdade entre homes e mulleres e de dinamización do galego, implantan, coa cofinanciación da Deputación de Pontevedra, o Proxecto “Xénero Versus”. Baséase no convencemento da utilización da música, o RAP neste caso, como canle comunicativa adecuada e moi aceptada na fase da adolescencia. Traballar con este estilo de música é a mellor forma de motivar e estimular ao alumnado.

Consta de tres fases e dentro desas fases hai catro sesións que se farán presenciais durante o horario escolar no CPI Cova Terreña e o IES Primeiro de Marzo de Baiona. O obxectivo e impulso que move este proxecto é o de poñer os coñecementos pedagóxicos e musicais en mans de adolescentes de 3º e 4º da ESO para que sexan quen compoña a letra, elixan a música e finalmente graven unha canción de rap na que poidan expresar as súas opinións acerca dun tema tan importante como de actualidade que ten que ver con eles/as como o inquietante aumento da violencia de xénero entre adolescentes. Preto de douscentos novos dos dous centros educativos participarán no proxecto.

Trátase dun programa que funciona por varios motivos, por unha banda, provoca a súa reflexión como grupo sen portavoces adultos, e a través dun compromiso con este proxecto musical será positivo nas súas relacións e roles grupais. Ademais, o Hip-Hop pode abrir unha vía de comunicación bidireccional proporcionando á persoa a posibilidade de expresar aquilo que non pode transmitir doutra maneira e á súa vez, proporciona unha canle comunicativa ao educador e á sociedade para transmitirlle información á persoa.

Por que utilizar a música na educación pola Igualdade e contra a violencia de xénero? Porque en xeral unha porcentaxe moi alta do alumnado da ESO recoñece escoitar música todos ou case todos os días, e a maior idade o alumnado de secundaria identifícase nun maior grao cos seus amigos e amigas e concede unha maior importancia a compartir os seus gustos musicais. De tal maneira, que traballar na aula con música é a mellor forma de motivar e estimular ao alumnado, xa que unha canción implica sempre traballar a letra educando a intelixencia verbal, traballar a música educando a intelixencia musical e potenciar a creatividade, o intercambio de opinións, o respecto ás ideas alleas, a tolerancia, o diálogo con compañeiras e compañeiros, a reflexión, a introspección… educando así tamén a intelixencia emocional.

Anuncios