Anuncios
Ticker de novas

Nigrán abre o prazo para presentar candidaturas ao III Plan de Becas Municipal

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Titulados participantes no Plan de Becas.

O Concello de Nigrán abre dende mañá o prazo para presentar solicitudes para participar na terceira convocatoria do III Plan de Becas Municipais tras ser publicado hoxe o extracto das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP 199), outorgando 15 días hábiles aos interesados. Estas bases foron modificadas co fin de reducir os requirimentos e cubrir a totalidade das 7 bolsas ofertadas polo Concello. Todas son para empadroados no Concello (mínimo un mes de antigüidade) e están destinadas á formación de auxiliares administrativos nos diferentes departamentos municipais. As bases e o modelo de instancia de presentación tamén están publicadas de xeito íntegro na Sede Electrónica Municipal de Nigrán.

Así, o cambio nos requirimentos mínimos permite que se presenten aquelas persoas que remataron os estudos no 2010 ou con posterioridade, é necesario estar desempregado no momento de presentar a solicitude (contémplase a mellora de emprego nalgúns casos), permítese ata 400 días de experiencia laboral dende 2010 na categoría da titulación requirida para estas becas e, finalmente, as titulacións contempladas se amplían a ciclo medio de Xestión Administrativa, ciclos superiores de FP de “Administración e Xestión”, ou titulacións universitarias da rama xurídica, laboral, económica e/ou empresarial e Xestión. “Decidimos introducir novamente modificacións porque coas bases anteriores non se cubriu o número de prazas ofertadas, polo que entendemos que seguramente os requirimentos eran limitantes”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que precisamente este ano se ampliou de 6 a 7 o número de beneficiarios.

Como nas derradeiras edicións, a duración é de 6 meses prorrogables a outros 6 e a dotación económica de 800 € brutos ao mes en xornada laboral completa. Os titores serán os funcionarios responsables de cada ámbito.

O sistema de acceso á beca inclúe proba escrita, oral, entrevista curricular persoal e baremación curricular. O Departamento de Desenvolvemento Local (986365000-Extensión 7 ou tle.nigran@nigran.org) ofrece maior información ao respecto a todo aquel interesado en presentar a súa candidatura.

“Tendo en conta a dificultade para acadar un emprego hoxe en día, dende o Concello temos o deber de facilitar a adaptación dos desempregados de Nigrán ao mercado laboral ampliando a súa experiencia e formación”, resume o alcalde, Juan González. Así, o obxectivo final é que os beneficiarios acaden unha importante vantaxe competitiva á hora de optar ás distintas ofertas laborais existentes tanto na administración pública como na empresa privada. Partindo destas premisas iniciais, o Concello de Nigrán, consciente da situación laboral que está a vivir boa parte da sociedade, ten posta en práctica distintos mecanismos para contribuír a mellorar a inserción dos seus veciños, sendo a convocatoria destas becas un paso máis neste mesmo senso.

Anuncios