Castro e Ladeira e Atv Distrito XVIII organizan a IV Xuntanza Discapaci-Quad

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís e o Club Atv Distrito XVIII organizan o vindeiro sábado 20 de outubro a IV Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor. O evento desenvolverase en Chan da Lagoa por terceiro ano consecutivo ao non poder realizalo na Ladeira. O presidente de Castro e Ladeira, Martín Otero, e o presidente do Moto Club Distrito XVIII, José Enrique Moreira, esperan superar a cifra de participantes do pasado ano, que ascendeu a 110, e tamén de quads, que foron 45.

Trátase dun evento deportivo e de lecer para que o gocen mozos e mozas con diferentes discapacidades, físicas ou psíquicas. “Seguimos organizando esta actividade para a inclusión dos rapaces, xa que o facemos con todo o cariño”, sinala o presidente de Castro e Ladeira.

O evento comezará ás 10:00 da mañá, contando coa participación dos mozos e mozas de Centro Juan María, San Rafael, Cogami, San Xerome, Apamp, Alento, Aspanaex, Amencer, San francisco, Vontade, Exclavas de Mos, Encaixamos Val Miñor, etc. Pasarán un día de convivencia realizando actividades relacionadas co mundo do quad, facendo unha ruta pola mañá de mais de 2,5 km e diferentes xogos pola tarde, cun xantar de convivencia no que poderán chegar á cifra de 200 comensais.

Este ano, como novidade, contarán coa presenza dos bombeiros para facer unha exhibición e de axentes dos corpos de seguridade.