Anuncios
Ticker de novas

Un gran Slav leva ao Vincios á vitoria

Este venres disputouse en Gondomar o derbi galego de Superdivisión entre o AD Vincios e o Vilagarcia TM, con vitoria para o equipo local por 4-1. Comezou de fronte o partido coa vitoria de Martín Pintos sobre Pedro Castro por 3-0, que poñía o 1-0 a favor dos gondomareños, para continuar co que á prostre sería o partido máis espectacular do encontro. Enfrontáronse nel a nova incorporación do Vincios, o xogador ruso Viacheslav Krivosheev, ao excelente xogador belga Karim Lauric. Slav, moi concentrado todo o partido, logrou desarbolar o xogo de Lauric, e desenvolver o seu propio a base de saque curto e ataque. Con puntos longos e espectaculares que fixeron as delicias dos siareiros, o partido decantouse a favor de Slav por 3-0, con parciais de 11-6, 12-10 e 11-7.

Coa tranquilidade e as costas ben cubertas polo 2-0 a favor do Vincios, enfrontouse o seu xogador Pryshchepa ao tamén xogador ucraíno Sergei Nigueruk, ao que derrotou por 3-0, deixando o mesmo resultado no cómputo xeral do partido. A continuación enfrontáronse Martín Pintos e Lauric, cunha vitoria clara do xogador belga por 0-3, que fixo subir un punto no marcador do equipo de Vilagarcía. O encontro que deu a vitoria ao equipo local foi o de Pryschepa contra Pedro Castro, que deixou o marcador finalmente en 4-1 A favor do Vincios.

Con estes dous novos puntos no peto, o AD Vincios se sitúa nunha cómoda terceira praza, a falta da disputa de tres encontros da xornada, mentres o Vilagarcía TM, que aínda non puntuou, convértese no faroliño vermello da clasificación.

Anuncios