Anuncios
Ticker de novas

Baiona supera as corenta empresas e servizos co distintivo de calidade turística Sicted

Baiona consolídase como destino de calidade superando os corenta servizos e empresas do sector turístico recoñecidas co distintivo Sicted, un proxecto promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Esta iniciativa ten como obxectivo incrementar a experiencia e satisfacción dos turistas e visitantes, ademais de axudar ás empresas e servizos a perfeccionar os seus procesos de forma continua. Este ano no municipio incorporáronse 6 firmas ao Sicted que se suman ás 35 xa distinguidas, en diferentes ciclos.

Baiona leva traballando neste proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos desde o ano 2004 e na actualidade conta con 41 empresas e servizos adheridos, tras as novas incorporacións. Agora mesmo están representados en Baiona 17 oficios diferentes. Engadíronse dous novos ao plan de calidade do destino: aloxamento rural e museos e centro de interese turístico visitable. Na actualidade hai varios servizos municipais participando no proxecto: Policía Local, as 6 praias e a Oficina de Turismo. A estes hai que sumar a nova incorporación da Casa da Navegación.

A implicación do Concello de Baiona en prol da calidade viuse recompensada en dúas ocasións recibindo o terceiro premio como MELLOR DESTINO SICTED nos anos 2014 e 2016, en recoñecemento ao seu compromiso en favor da competitividade das empresas e impulso do proxecto Sicted na Vila. Baiona resultou o terceiro, de entre 202 destinos participantes de toda España.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, impulsou de novo ao longo deste ano o plan de asesoramento gratuíto entre as empresas turísticas do municipio para implantar o certificado de calidade SICTED. Onte mesmo o Salón de Plenos acolleu a entrega dos distintivos ás 6 empresas que se incorporaron este ano: El Túnel, La Llave, Momo Baiona Gastrobar, Queimada Gastrobar, Casa da Navegación e Casa Rural San Lourenzo.

Durante a entrega o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, comentou aos empresarios que “é primordial que este sector punteiro para a nosa localidade, aúne a experiencia e a calidade esixida para ser máis competitivo e é necesario apuntar todos na mesma dirección para xerar emprego, para xerar desenvolvemento económico e para desmarcarnos doutras localidades coas que competir co noso nivel de calidade”.

O Plan de Calidade está en fase de consolidación de participantes e de seguir apostando pola calidade das empresas do Concello de Baiona. O rexedor engadiu que “é importante o esforzo das empresas turísticas locais en prol da excelencia. A crecente motivación entre o empresariado e os servizos públicos que poden certificarse, augura un traballo continuo e unha senda ascendente para lograr un destino singularizado pola calidade e o firme obxectivo de instaurar hábitos de funcionamento dentro da excelencia e a sustentabilidade”.

“A achega crave do SICTED é, precisamente, a conciencia integral de destino e a identificación de obxectivos comúns por e para todos os axentes implicados, públicos e privados, turísticos e non turísticos. Este enfoque favorece o deseño, planificación, execución e medición de resultados de accións integrais que harmonizan os niveis de calidade dos servizos e produtos que consome o turista no destino, da imaxe deste e, en definitiva, da percepción do visitante respecto ao destino durante o transcurso da súa estancia vacacional e unha vez concluída esta”, matiza a Concelleira de Turismo, Beatriz González.

O Departamento de Turismo nestes momentos atópase realizando as asesorías técnicas individualizadas, formación e avaliacións externas de fronte ao comité de decembro coas empresas xa distinguidas que teñen que renovar o distintivo.

Os establecementos e servizos coa distinción son: Apartamentos Ababides, Casa do Marqués, Estación de Servicio Monte Real, Estelas, Hotel Anunciada, Hotel Arce, Hotel Rompeolas, Hotel Tres Carabelas, Jamonería Jaqueyvi, Joyería Tula, Juan José Fontenla Alfaya (Taxi), La Crep, La Pedalería, Le Sept, Luna Baiona, Mirador Ría de Bayona, Monte Real Club de Yates de Bayona, Oficina de Turismo de Baiona, Óptica Baiona, Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar, Peluquería Belmer, Policía Local de Baiona, Recuncho Mariñeiro, Restaurante Pedro Madruga, Playa Ribeira, Playa Santa Marta, Playa Ladeira, Playa Barbeira, Playa de Frades, Playa Concheira, Mesón Fuente de Zeta, Mesón Jamonería Fidalgo, Bibendum, Benestar Baiona e Viajes Val Miñor.

Anuncios