Anuncios
Ticker de novas

O IEM conmemora este sábado o 82 cabodano da Volta dos Nove

O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e a Comisión da Volta dos Nove convocan este sábado 13 de outubro os actos de lembranza do asasinato dos Ineses, a señora Dolores Samuelle e Os Nove de Baiona e Panxón hai xa 82 anos. Ás 11:30 horas no cemiterio civil de Sabarís haberá unha lembranza oral e floral para Xosé e Luís López Luís e Dolores Samuelle, tamén coa compaña musical dos da Foz. Ás 11:45 na Volta dos Nove, palabras, música e flores para os nove homes asasinados a noite do 15 para o 16 de outubro de 1936.

Foi no 24 de xullo, a media mañá, festas en Santa Cristina. Entraron as tropas que viñan de acalmar Vigo. O comandante militar de Baiona: Ramón Blanco Linares. Requisa na sociedade obreira de Sabarís, na Porta do Sol, socialista e anarquista. Fichas de afiliación, revistas pornográficas, correspondencia,…

Ducias de homes fuxidos. Foron aparecendo todos, pero entre outros, faltaban Pepe e Luís, Os Ineses. Descubertos o 13 de outubro de 1936 agochados na casa de Ventura Pérez, cego, axudado por Dolores Samuelle que compraba moitos víveres para o vello, ou o xornal. Delación e entrada de falanxistas, e garda civil a mañá do 13. Defensa propia e ferido (Luís Refojo Mariño, camisa nova). Luís morto a tiros nunha viña camiño da Ladeira, Pepe no muro do cemiterio. Exposición pública e asasinato de Dolores Samuellle, por encubridora.

En Vigo, o 15 morre o ferido e esa noite van buscar veciños do Val de Miñor os cárceres de Vigo, traen nove que matan antes da amañecida e á tarde enterran o camarada caído.

Herminio Ramos lembrou “1936 Octubre 16. En el día de hoy aparecen muertos a la orilla de la carretera más allá de la fuente de San Roque nueve hombres que resultaron ser vecinos desta villa, calificados de rojos presos en Vigo”.

Anuncios