Anuncios
Ticker de novas

A Xunta inicia a construción das beirarrúas no tramo final da estrada Gondomar-A Ramallosa

O Concello de Nigrán celebra que a Xunta atendese as súas alegacións e finalmente estea a construír novas beirarrúas en ambos sentidos nos últimos 240 metros de entrada de A Ramallosa cara a Gondomar. O goberno autonómico rectifica deste xeito o contemplado no proxecto de senda para ciclistas e peóns na PO-340 que limitaba as beirarrúas á marxe esquerda (dirección Gondomar-Ramallosa) e só ata a Praza de Abastos da Avenida de Portugal. O Concello de Nigrán manifestou dende o mesmo momento en que coñeceu o proxecto, en agosto de 2017, o seu rexeitamento a que non se contemplasen ambos sentidos e a que no lado dereito se tallasen os olmos para construír un noiro, circunstancia que agora se evita.

“As beirarrúas dese tramo estaban totalmente esnaquizadas, resultaban inaccesibles e provocaban as lóxicas queixas dos veciños”, sinala o alcalde, Juan González, quen dende o Concello intermediou cos veciños para, precisamente, acadar a cesión de terreo que evita na marxe esquerda talar árbores e facer un noiro, como se prevía.

Esta nova senda peonil e ciclista de 3,5 km chegará ata a glorieta de A Ramallosa, o que permitirá que ao fin a entrada a Ramallosa estea totalmente humanizada. “Dende o Concello de Nigrán estamos abertos a colaborar sempre coas demais administracións en todos aqueles proxectos que, sen dúbida, benefician ao municipio”, sinala González, quen reitera a petición a Xunta para que tamén arranxe as beirarrúas de Otero Pedrayo.

Anuncios