O AD Vincios perde 4-0 contra o Irún Leka Enea

FOTO: AD VINCIOS // Ievgen Pryshchepa

Tras a vitoria da pasada xornada ante o Cambados Tenis de Mesa por un apurado 4-2, e cos dous primeiros puntos gañados, este fin de semana desprazouse a terras vascas o equipo de Superdivisión do AD Vincios, para xogar contra o Irún Leka Enea. Por parte do AD Vincios desprazáronse Martín Pintos, Ievgen Pryschepa e a nova incorporación deste ano, o xogador ruso Viacheslav Krivosheev.

Esta tempada a liga masculina da máxima división nacional vai ser moito máis dura, pois varios equipos reforzáronse con xogadores de calidade foráneos, aumentando a calidade da competición, o que vai facer máis difícil a consecución de cada punto ata obter os necesarios para manter a categoría, obxectivo inicial da AD Vincios.

O equipo gondomareño enfrontouse ao equipo irundarra formado polo seu novo xogador húngaro Daniel Kosiba, o sueco Hampus e Endika Díez como xogador nacional. Aínda que o resultado 4-0 é contundente, o partido foi moi disputado, perdendo Pryshchepa contra Hampus e Kosiba en dous axustados 3-2, dispoñendo de bóla de partido en ambos os dous encontros, Slav perdeu contra Endika 3-1 e Martín 3-0 contra Kosiba, indo nos dous primeiros sets sempre por diante. O equipo de Irún é un dos aspirantes para conquistar a liga este ano.