Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán presenta aos seus equipos ao ritmo de Rap

O Club Baloncesto Nigrán viviu onte unha xornada moi especial, a festa de presentación de todos os seus equipos para esta nova tempada 2018/2019 que se celebrou no Pavillón Municipal de Panxón.

O acto, que contou coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán, comezou co desfile dos dez equipos que competirán esta tempada. O primeiro en aparecer en pista foi o júnior feminino, categoría coa que vai contar o club por primeira vez, a continuación fixérono o equipo sénior masculino, o equipo cadete masculino, o cadete feminino, os equipos infantil masculino e feminino, os dous equipos alevín, o equipo benxamín e pechando o desfile os máis pequenos da casa, o equipo baby.

Xunto aos equipos desfilaron os seus respectivos adestradores e adestradoras. Francisco Termenón, que será o responsable dos equipos júnior e cadete feminino, Javier Barra, que levará ao equipo infantil feminino, Nuria Gómez, que ademais da dirección deportiva do club adestrará aos equipos infantil e cadete masculino, e un dos alevíns, Paula Chousal, que levará ao alevín vermello, Víctor Alonso, nova incorporación do club, ao benxamín, e por último, Daniel Fernández, que adestrará ao equipo baby.

Despois do desfile realizáronse as fotos de equipos, a foto de adestradores e adestradoras e directiva e finalmente a foto de grupo, para pechar a festa de presentación co club de Patinaxe EIXO de Gondomar, que saíu a pista para facer gozar aos asistentes cun dos seus números grupais.

Un dos momentos máis divertidos e especiais da xornada produciuse cando o speaker do evento interpretou un Rap composto para a ocasión en cuxa letra se reflicte a filosofía do club: “Aprender, compartir, facer grupo e competir, esas son as nosas virtudes. Nigrán…. CB Nigrán”.

Anuncios