A Agrupación Deportiva Vincios súmase á eliminación de eucaliptos no Galiñeiro

Na mañá deste domingo membros da Agrupación Deportiva Vincios e gran parte dos xogadores dos equipos de tenis de mesa participaron durante 3 horas nunha xornada de eliminación de eucaliptos que rebrotaron nestes últimos meses despois dos incendios do ano pasado na Serra do Galiñeiro, en resposta ao chamamento da Comunidade de Montes de Vincios.

Dende a entidade deportiva animan a todos os colectivos que participen nestas xornadas para poñer o seu gran de area na reforestación dos nosos espazos naturais e axudar ás Comunidades de Montes que están a traballar a reo para que os montes sexan espazos multifuncionais e recuperen os diferentes ecosistemas que se degradaron na vaga de lumes do 2017. Este traballo engádese ao realizado por voluntarios o día anterior, sábado, convocados pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Gondomar.