Baiona incorpora nos novos semáforos de Elduayen un sistema de son para invidentes

O Concello de Baiona incorpora estes días un sistema de son nos novos semáforos da rúa Elduayen, co obxectivo de que as persoas invidentes poidan cruzar con maior seguridade. “Unha petición que me traslada o noso concelleiro de Mobilidade, Policarpo Vilar, e que realizo de sumo gusto, seguimos traballando para eliminar as barreiras á mobilidade na nosa Real Vila”, asegurou o alcalde, Ángel Rodal.

Os semáforos intelixentes instalados na rúa Elduayen están a pleno rendemento desde finais do mes de xuño. A peculiaridade que posúen respecto dos dispositivos tradicionais é que o seu cadro de control posibilita a sincronización das tres parellas de indicadores, o que permite modificar as frecuencias de cambio nos discos luminosos, e que ademais incorporan un pulsador para os pasos de peóns. Cos novos semáforos pódense variar os tempos en verde ou vermello e ámbar, para adaptalos o mellor posible ás necesidades do tráfico.

Rodal destacaba no mes de agosto que “eu como alcalde sabía que ían funcionar, pero sinceramente non pensaba que o resultado ía ser tan bo. Coas festas do Carme ou as da Anunciada comprobamos que non houbo ningún tipo de atasco”. Coa instalación da rede semafórica tampouco é necesaria a presenza de axentes da Policía Local nos pasos de peóns. Tras máis de 30 anos sen semáforos, para o alcalde de Baiona “solucionouse un problema que tiñamos desde hai moitos anos”.