Regades asina con Netun Solutions o aluguer da nave 6A en Porto do Molle

Esta mañá, o delegado David Regades, asinou con Jorge Torre, conselleiro de Netun Solutions, S.L., o contrato de aluguer da nave 6A en Porto do Molle que conta cunha superficie de 1.150 m2. Este espazo permitiralle á empresa crecer e consolidarse como líder nos sistemas de seguridade na estrada.

Netun Solutions, S.L, é unha startup de Vigo que contou co apoio do Consorcio da Zona Franca a través da súa participación na 4ª edición de ViaGalicia, e que lle permitiu impulsar o seu produto froito de anos de investigación coñecido como “Help Flash” (“unha luz para salvar vidas”, tal e como reza o seu slogan). Este dispositivo, que funciona cunha pila comercial, emite uns escintileos visibles a máis dun quilómetro de distancia. Actívase de forma automática por indución magnética, e tamén se pode utilizar como lanterna. O seu principal obxectivo é resolver a sinistralidade asociada ás paradas por avaría ou emerxencia, especialmente en condicións de visibilidade reducida. Este dispositivo xa está autorizado pola Dirección Xeral de Tráfico desde o pasado 1 de agosto (Orde Ministerial PCI/810/2018 do 27 de xullo).

O delegado mostrouse moi satisfeito coa firma deste contrato, aproveitou para felicitar aos seus directivos, xa que esta empresa viguesa, nacida en ViaGalicia converteuse en líder a nivel estatal. “Trátase de que as boas ideas convértanse en realidade e esta é unha delas. As institucións públicas debemos apoiar aos emprendedores para que estes, unha vez convertidos en pemes e consolidados como empresa poidan xerar emprego”. “De feito estes emprendedores son un exemplo do que buscamos. En pouco tempo pasaron de ocupar unha pequena oficina, a unha nave de máis de 1.000 m2 na que se atoparán traballando doce persoas”, manifestou Regades.

Vigo segue demostrando o seu gran potencial que nace dunha industria madura, un tecido empresarial potente moi vinculado ao sector do automóbil, e sobre todo á gran capacidade innovadora da súa universidade e os seus centros tecnolóxicos.

2018-10-05 - foto prensa_2

Anuncios