Adrián Valverde inicia a tempada de ciclocrós en Poio

FOTO: LUZ IGLESIAS // Adrián Valverde no Campionato de Galicia de Ciclocrós en Santiago.

O actual campión de Galicia Elite de ciclocrós entra en escena. Adrián Valverde disputará este domingo na localidade pontevedresa de Poio a primeira cita do calendario autonómico e unha tempada máis defenderá sobre o barro as cores do Club Ciclista Rías Baixas. O baionés é o buque insignia, o “One Club Man” como se di no mundo do fútbol, da entidade presidida por José Luis Chamorro.

Desde que se iniciou no ciclismo, Valverde unicamente vestiu as cores do conxunto da súa comarca. Especialista en XCO e con aparicións puntuais na estrada, o polivalente corredor de 24 anos viviu un dos momentos máis emotivos da súa carreira o pasado 31 de decembro ao proclamarse campión galego Elite de ciclocrós en Santiago de Compostela. Un título que buscará revalidar este ano nunha campaña chea de alicientes.

Ademais das probas autonómicas e das súas habituais incursións no calendario estatal (Medina de Pomar e Villarcayo), o ciclista miñorano participará no Campionato de España, que se celebrará o próximo mes de xaneiro en Pontevedra. Como todos os galegos, o de Baiona soña con brillar en casa e preparará esa cita con especial mimo.

O longo camiño de Valverde para chegar en plena forma ao Campionato de España empeza este domingo. O Ciclocrós de Poio é a primeira das 18 xornadas puntuables da Copa Galicia, un certame que o corredor do Club Ciclista Rías Baixas adxudicouse en 2016.