A FECYT únese ao CSIC para achegar a ciencia a Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Presentación de Ciudad Ciencia.

Ciudad Ciencia, o proxecto de divulgación que dá a coñecer a actualidade científica e tecnolóxica aos habitantes de localidades españolas, comeza unha nova etapa. A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) uniuse ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para desenvolver esta iniciativa que se puxo en marcha en 2012 e que xa está presente en máis de 40 municipios de todo o territorio español.

A FECYT é unha fundación do sector público que, do mesmo xeito que o CSIC, depende do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A súa misión é impulsar a ciencia, a tecnoloxía e innovación así como promover o seu achegamento á sociedade. “Unha das nosas liñas estratéxicas consiste en apoiar a divulgación científica en contornas próximas á cidadanía. A nosa incorporación a Ciudad Ciencia reforza o traballo que desde as administracións estatais estamos a realizar para fomentar a cultura científica”, explica Paloma Domingo, directora xeral de FECYT.

Pola súa banda, a vicepresidenta adxunta de Cultura Científica do CSIC, Pilar Tigeras, sinala que “todos os municipios participantes valoran moi positivamente a súa adhesión a Ciudad Ciencia pola variedade de actividades que se incorporan na súa programación cultural e, sobre todo, porque son os propios investigadores e investigadoras da nosa institución quen se despraza a cada localidade para contar o seu labor de forma sinxela e comprensible para todos”. Ademais, “o éxito desta iniciativa na estreita colaboración cos concellos, pois son as administracións máis próximas á cidadanía e as que coñecen mellor as súas demandas”, destaca Tigeras.

Nigrán sumouse a esta iniciativa en 2017. Desde a súa incorporación, o municipio acolleu con gran éxito actividades dirixidas a estudantes e público en xeral, entre as que se inclúen exposicións, obradoiros, clubs de lectura e conferencias da man de investigadores e investigadoras do CSIC.

Durante este curso o proxecto inclúe novos contidos como audioguías, exposicións e contacontos científicos. Ademais das actividades presenciais, Ciudad Ciencia continúa ofrecendo na web www.ciudadciencia.es propostas, como o obradoiro Agricultura sustentable na aula, que conectan a estudantes con investigadores e investigadoras do CSIC durante todo o curso.

Ciudad Ciencia lanzouse en marzo de 2012 e contou co apoio da Obra Social “la Caixa” ata xullo de 2018. Actualmente forman parte do proxecto máis de 40 localidades de toda España.

Ao longo do curso 2018-2019 Ciudad Ciencia seguirá crecendo coa incorporación de novas localidades.

Anuncios