Anuncios
Ticker de novas

Unha trintena de voluntarios retiraron media tonelada de residuos dos ríos Miñor e Zamáns

Unha trintena de voluntarios participaron este domingo en Gondomar na XI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos”, incluída no “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega. Trátase dun programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, mostrar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O Concello de Gondomar e a Asociación Ecoloxista A Groba uníronse un ano máis para retirar nesta ocasión ao longo dunhas tres horas un total de 500 quilos de residuos dos ríos Miñor e Zamáns. Plásticos, pneumáticos, latas ou botellas son algúns dos residuos que se puideron atopar. “Este ano detectamos menos lixo recente, de feito seguimos sacando aínda do vello que vai aparecendo, e tamén aparece máis xente a colaborar, isto é un moi bo sinal”, destacou Antonio Araúxo, concelleiro de Medio Ambiente.

Pola súa banda, Pablo Casal, coordinador de Proxecto Ríos, apuntou que, ademais da boa resposta da veciñanza, “foi o ano que menos recollemos, porque atopamos menos, máis concienciación da cidadanía”, matizando “un tirón de orellas á rapazada, porque hai bastante lixo de botellón en zonas moi concretas da vila”. Outro grupo de 12 persoas retirou plantas invasoras das ribeiras fluviais.

Esta XI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en medio cento de concellos de toda Galicia, coa participación de máis de 500 persoas, que recolleron máis de seis toneladas de lixo en 30 ríos da comunidade.

A limpeza de ríos chegou en Gondomar á novena edición. Ao longo destes anos centos de voluntarios retiraron máis de 10 toneladas de lixo de diferente orixe, nomeadamente nos treitos finais do Zamáns e Morgadáns e no comezo do Miñor. No 2015 comezouse a retirar tamén algunhas plantas invasoras dos camiños anexos.

 

Anuncios