O Club Ciclista Rías Baixas logra o seu récord de triunfos

A tempada 2018 finalizou co Club Ciclista Rías Baixas superando o seu listón histórico de vitorias. Os corredores da estrutura impulsada por José Luis Chamorro levantaron os brazos en once ocasiones, rubricando deste xeito a campaña máis frutífera do conxunto do Val Miñor nos seis anos que leva rodando no pelotón Elite e Sub23. Mentres a súa directiva continúa traballando na procura dun patrocinador para dar o salto ao profesionalismo, os resultados acompañaron sobre o asfalto.

A achega de Antonio “Chava” Angulo resultou decisiva para bater a anterior mellor marca, os dez triunfos obtidos en 2016. O ex profesional cántabro acumulou cinco primeiros postos. A súa conta persoal abriuna adxudicándose unha etapa na Volta a Alacante e posteriormente tamén cultivou éxitos parciais na Volta á Provincia da Coruña, na Volta a Cantabria e na Volta a Galicia. O seu repóquer de vitorias complétase coa clásica cántabra do Gran Premio San Gregorio.

Os outros corredores que subiron ao máis alto do podio foron Francesc Zurita, como gañador da xeral do Memorial Sanroma e da última etapa da Volta a Galicia; Sergio Álvarez no Cinturón Ciclista San Bartolomé; David Galarreta no campionato de Cantabria Elite de contrarreloxo; Adrián Escobar no campionato de Castela-A Mancha Sub23 en ruta; e o surafricano Eddie Van Heerden na Volta ao Ribeiro.

Esta colleita de triunfos permitiu ao Club Ciclista Rías Baixas repetir presenza no Top-3 do ránking Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC). Por terceiro ano consecutivo a formación miñorana clasificouse no terceiro posto, sendo o único equipo do pelotón español que non se baixou das tres primeiras posicións desde 2016.

Estes sensacionais resultados chegaron tras a profunda reestruturación realizada o pasado inverno no persoal e no corpo técnico. Unha vez concluído o calendario de carreiras que arrancou en febreiro e terminou a finais de setembro coa Volta a Galicia, a entidade presidida por Chamorro prepara o seu novo proxecto.

Anuncios