Unha trintena de voluntarios acudiu onte á chamada do Concello de Nigrán e a organización ecoloxista Adega para limpar a desembocadura do río Muíños, en Praia América, constituíndo o maior número de participantes ata a data nesta limpeza simultánea a nivel galego. Ao longo de aproximadamente dúas horas o grupo extraeu 300 quilos de lixo, fundamentalmente pequenos plásticos degradados como envoltorios de caramelos, paus de bastoncillos das orellas, tapas de botellas, restos de poliespan… Esta característica diferenciou moito a recollida desta edición, xa que no Esteiro de A Foz (onde se levou adiante nos anos anteriores) sobresaían materiais máis voluminosos (rodas, aparellos de pesca, tixolas, paraugas…) e moito vidro (botellas e vasos).
O Concello de Nigrán sumouse deste xeito por cuarto ano consecutivo á acción enmarcada no “Proxecto Ríos”, un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas, así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación. Esta XI Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” celebrouse este ano en medio cento de concellos de toda Galicia, coa participación de máis de 500 persoas, que recolleron máis de seis toneladas de lixo en 30 ríos da comunidade.
“Dende o Concello de Nigrán nos sumamos sempre a este tipo de iniciativas de voluntariado ambiental e as promovemos porque teñen un carácter educativo e divulgativo que consideramos fundamental para concienciar a toda a sociedade”, asegura Juan González, alcalde de Nigrán, quen participou na limpeza xunto a voluntarios e máis membros do goberno local.




