Fernando Arca Casal impúxose este domingo no Trail Serra do Galiñeiro celebrado en Gondomar, última proba do circuíto “Prozis Galicia Máxica Trail Adventure 2018”. O corredor do 100Pernas Team completou os 22 km con 980 de desnivel positivo en 02:04:31. O segundo en cruzar a liña de meta foi Borja Varela Paz, do Toxiza Clube de Montaña, cun tempo de 02:09:33, mentres que o terceiro posto do podio ocupouno Fran Salgueiro Gesteira, do Cazafantasmas Team, finalizando a proba en 02:11:27. En categoría feminina, a vitoria foi para Laura González Goce (02:56:50) do Coutadas Trail Team. Silvia Casal (03:04:43) do Chuvoners foi segunda e a independente Blandine Craveiro (03:16:35) terceira. Por equipos, o gañador foi Cazafantasmas Team, seguido de 100Pernas Team e C.A.R. Marisqueiro, segundo e terceiro respectivamente.
No Mini Trail o gañador foi Jose Manuel David Domínguez, do Cornelios, tras completar os 15,5 km con 520 de desnivel positivo en 01:23:18. Jesús Castro Rodríguez, do Trote Borriquero, foi segundo cun tempo de 01:28:29, e Javier Rodríguez Fernández, independente, terceiro, cruzando a meta en 01:28:32. Adriana Gomes (01:44:37) de Minho Aventura impúxose na categoría feminina, seguida de Natalia Sierpes Pereira (01:48:56) do JaYoMa TeaM, segunda, e Trindade Prieto González (01:55:20) do Aviva Sport Club, terceira. Por equipos, a vitoria foi para NTA-Never Trail Alone, completando o podio Be One Monterreal e JaYoMa TeaM en segunda e terceira posición.
O Trail Serra do Galiñeiro é a unha das poucas probas que Galicia Máxica Trail Adventure organiza desde o seu primeiro ano, moi querida polos corredores de trail de ambas as dúas beiras do río Miño grazas ao seu perfil agreste e salvaxe, con zonas de escalada en roca granítica, as marabillosas vistas sobre a ría de Vigo e a baía de Baiona, así como o ambiente festivo que os afeccionados xeran preto da cima. Este ano o percorrido apenas mantivo trazas dos de anos anteriores, posto que a organización cambiou a zona de saída/chegada ao centro de Gondomar, na contorna do Concello, no canto de facelo en Vincios, o que foi unha volta de porca máis a un dos clásicos. A saída dos 121 inscritos no Trail foi ás 9:30, mentres que os 100 participantes do Mini Trail comezaron a proba ás 10:00.
O percorrido pasou polas parroquias de Gondomar, Chaín, Vincios, Morgadáns e Peitieiros subindo ata a cima da Serra do Galiñeiro e atravesando os diversos ríos que van confluír no Miñor. Para finalizar a xornada, o alcalde, Paco Ferreira, e as concelleiras Nuria Lameiro e Iria Lamas, entregaron os trofeos aos gañadores na Praza do Concello. No Trail houbo premios para os tres primeiros clasificados da xeral e de cada categoría (Sénior, Veteranos I e Veteranos II). No Mini Trail só foron premiados os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres. Tamén houbo competición por equipos.













