Anuncios
Ticker de novas

Ángel Rodal: “Baiona necesita e merécese seguir sendo gobernada polo Partido Popular”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación de Ángel Rodal como candidato á alcaldía de Baiona.

Nun salón abarrotado, no Parador de Baiona, Ángel Rodal Almuiña foi presentado oficialmente este sábado como candidato do Partido Popular de Baiona. Estivo arroupado polo presidente provincial, Alfonso Rueda, a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e o coordinador comarcal, Jesús Vázquez Almuiña, ademais de deputados, alcaldes, portavoces, militantes e simpatizantes.

Rodal comezou a súa intervención dicindo estar moi agradecido ao Partido Popular “por seguir confiando en min para revalidar, que si o vou a facer, a alcaldía de Baiona”. “Hai 15 anos –lembrou-, un día o director provincial do Sergas, Jesús Vázquez Almuiña, chamoume e díxome se quería embarcarme con el nun proxecto moi ilusionante e ambicioso, nin máis nin menos que recuperar a alcaldía de Baiona para o Partido Popular, e conseguímolo”.

O candidato popular asegurou que “seguirei traballando polo benestar dos veciños, en todos os servizos, infraestruturas, a nivel deportivo, accesibilidade, e ese é o meu deber. Contade comigo todos os que queirades facer unha Baiona máis grande. Estou orgulloso de ser concelleiro con Sito durante 11 anos, que se di pronto, estou orgulloso de ser alcalde de Baiona e estarei moi orgulloso de seguir sendo alcalde outros catro anos máis”.

Non faltaron os agradecementos, “aos meus pais, por darme eses valores durante toda a miña vida, ao meu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, por confiar en min estes 11 anos, pero sobre todo pola complicidade que tivemos os dous, ao meu partido por confiar en min, e a todos os veciños”.

“Podemos facer unha Baiona mellor. O próximo 26 de maio será unha noite de éxito. Penso que Baiona necesita e merécese seguir sendo gobernada polo Partido Popular, e traballarei día e noite para iso. Tanto os meus concelleiros como eu faremos que Baiona convértase nun referente non só de Pontevedra senón de toda Galicia”, concluíu Rodal.

Ángel Manuel Rodal Almuiña, naceu en Baiona o 6 de Maio de 1967. A súa traxectoria profesional está ligada á medicina natural. A súa especialidade é a terapia curativa da saúde. Durante 17 anos traballou na súa consulta privada de Sabarís como terapeuta de técnicas complementarias, traballando disciplinas como a acupuntura, a osteopatía e a naturopatía. No seu haber ten diversos cursos que o acreditan como experto, entre eles un Posgrao en China de masaxe Tuina. Tamén foi profesor de técnicas parasanitarias nos centros de Vigo, Coruña, e Ferrol durante 4 anos.

Rodal, ten unha extensa carreira na política municipal de Baiona, pois leva nela desde o 2003. Desde ese mesmo ano ata novembro de 2004 formou parte da oposición, a pesar de que os populares foron a lista máis votada naquelas eleccións.

Desde novembro de 2004, despois de que prosperase a moción de censura ao por entón equipo de goberno formado por PSdeG e BNG, Rodal entrou a formar parte do goberno baionés xunto ao PP pasando a ocupar ata o 2007 a Concellería de Medio Ambiente. Tras as eleccións municipais dese ano, ocupou a Concellería de Turismo ata o 2011. Desde o 2011 ostentou o cargo de Primeiro Tenente de Alcalde, función que ata 2015 compaxinou coa Concellería de Medio Ambiente e coa de Vías e Obras. Tras as eleccións de maio de 2015 Rodal mantivo o seu cargo como Primeiro Tenente de Alcalde, conservando a Concellería de Medio Ambiente e sumando a de Deportes, ata que no mes de outubro converteuse no novo rexedor de Baiona tras a renuncia do seu predecesor, Jesús Vázquez Almuíña, ao ser nomeado novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

A presentación do que será o cabeza de lista do PP en Baiona foi o quinto dos actos de presentacións de candidatos que o Partido Popular previu realizar por toda a provincia durante os meses de setembro e outubro, tras os de Nigrán, Ponteareas, Vigo e Ponte Caldelas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios