Castro e Ladeira prepara a cuarta edición da Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor.

O próximo día 20 de outubro a Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís, xunto co Club ATV Distrito XVIII, organizarán a “Xuntanza Discapaci-Quad Val Miñor”. “Está será a cuarta vez que fagamos este evento, un dos máis importantes para nós, e posiblemente no que máis traballamos e nos implicamos”, afirma Martín Otero.

Este ano ambas as dúas asociacións non contarán coa colaboración do Concello de Baiona. “O ano pasado foi o único ano no que o consistorio colaborou con nós, achegando un 60% do montante global. E traballo nos custou, tanto é así que estivemos pensando en facer o evento noutro municipio. Ilusos nós que pensamos que este ano ía ser como o anterior”, apuntan dende o colectivo.

Otero asegura que xa estiveron falando con outros alcaldes para poder facer o evento fóra de Baiona. “Nós non queremos ir fóra, pero é que estannos a obrigar. Que o Concello non colabore con nós é algo ao que estamos afeitos, pero non deixa de ser, para nós, unha equivocación. Agora ben, non colaborar cun evento feito por e para xente discapacitada é lamentable”.

“En Sabarís sabemos que, non fai moito, o Concello colaborou cunha Asociación de fóra de Baiona facendo unha achega de 3000 €, cousa que nos parece moi lícita, pero non sería mellor, se hai pouco, repartir? Cales son as razóns polas que non teñen interese en colaborar coas iniciativas da Asociación de Veciños?”, pregúntase Otero, que para concluír asegura que “o que non hai, unha vez máis, é vontade”.

Anuncios