ACEBA promove ofertas e descontos para os estudantes que elixan Baiona como residencia

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) informou aos socios dos avances realizados polo momento na posta en marcha de “Baiona Campus Residencial Universitario”. Grazas á colaboración por parte do Concello de Baiona con este proxecto, ACEBA puxo en marcha este importante reto para todos os baioneses e baionesas.

Nestes momentos “Baiona Campus Residencial Universitario” está a dar os seus primeiros pasos para ser unha realidade no próximo curso académico. Segundo informan desde ACEBA “estamos a traballar na creación dunha plataforma Web onde se dean a coñecer as vantaxes e beneficios que pode achegar Baiona, para os estudantes que se decidan a residir na nosa Vila”.

“Sen dúbida –engaden desde ACEBA- a conexión directa co CUVI mediante bus, en non máis de 30 minutos desde Baiona, será un dos seus grandes atractivos”.

Nesta reunión informouse aos empresarios e comerciantes asistentes da necesidade da implicación de todo o sector empresarial de Baiona, para conseguir que “Baiona Campus Residencial Universitario”, poida chegar a ser todo un éxito e un dos eixos fundamentais para a desestacionalización e creación de postos de traballos estables.

“Desde ACEBA abrimos o período de 1 mes para a recepción de ideas e beneficios que poderá achegar cada un dos comercios para estes estudantes que veñan residir a Baiona: prezos especiais para menús estudantes, descontos ou ofertas que se lles poidan ofrecer, etc”.

Tamén se propuxo a creación dun distintivo identificativo para todos os negocios que acheguen vantaxes para estes estudantes. Pero para poder dispoñer deste distintivo, así como aparecer coa súa oferta ou promoción a estudantes, na páxina Web, Redes Sociais, así como na campaña de promoción e difusión que se está creando para a promoción, será requisito ser socio de ACEBA.

A Asociación convida os comerciantes e empresarios a facerlles chegar todas as súas propostas e ideas, quedando emprazados para unha segunda reunión onde plasmarán todas as ofertas e descontos presentados.

Anuncios