Anuncios
Ticker de novas

A Garda Civil sorprende a dous cazadores con cebos envelenados nun monte de Oia

A elevada potencia letal do veleno incautado podía causar a morte de máis dun milleiro de persoas ou de 330.000 pequenas aves rapaces.

A Garda Civil detivo a dous veciños do municipio de Oia (Pontevedra) como presuntos autores dun delito contra a flora e a fauna, ao ser sorprendidos infraganti cando, supostamente, pretendían colocar cebos envelenados no monte.

As investigacións levadas a cabo pola Patrulla do Seprona da Garda Civil de Tui, ten os seus antecedentes no ano 2013 a raíz do achado de catro cans mortos en estrañas circunstancias, cando estaban a adestrar nun coto de caza no sur da provincia. A análise toxicolóxica dos cadáveres de dous destes animais dera resultado positivo en estricnina.

A tenacidade e perseveranza do Seprona propiciaron que cinco anos despois fosen sorprendidos no mesmo monte dous cazadores, cando levaban no coche unha bolsa de plástico con carne picada e unha substancia tóxica.

Para iso, o pasado mes de maio deste ano estableceuse un operativo especial de vixilancia no monte coa participación da Patrulla do Seprona de Tui, o Equipo do Seprona de Pontevedra e a patrulla de seguridade cidadá do Posto da Guarda, contando ademais coa colaboración dos axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Froito deste dispositivo interceptouse un vehículo todo terreo cando circulaba por unha pista forestal dentro dos terreos do coto. No rexistro superficial que se realizou no interior do vehículo a Garda Civil localizou unha bolsa que contiña os elementos necesarios para a colocación de cebos envelenados: outra bolsa con 2 kg., de carne picada, un bote de cristal que contiña 406 gramos dunha substancia, aparentemente compatible cun potente tóxico e luvas especiais de nitrilo para a manipulación dos cebos.

A pesar de que co achado destes elementos podería deducirse o descubrimento dun delito infraganti de utilización de veleno para a caza no momento de ir cometelo, foi necesario coñecer o resultado analítico, que correu a cargo da Delegación Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Os resultados da analítica confirmarían as sospeitas. No informe revélase que a substancia que había dentro do bote de cristal contiña veleno, cuxo principio activo é o Carbofurano. Trátase dunha substancia ilegal cuxa potencia letal podería calcularse en referencia á saúde humana, coa posibilidade de causar a morte de máis dun milleiro de persoas e no prisma da fauna salvaxe tería a capacidade de matar a máis de 330.000 pequenas aves rapaces.

Na última fase da que se denominou operación “Venutox”, ademais de confirmarse os resultados analíticos do tóxico, procedeuse á toma de declaracións testificais e ao recoñecemento do terreo cun can especializado na detección de veleno e fauna cadavérica, dependente do Servizo Cinolóxico da Dirección Xeral da Garda Civil.

Esta semana concluíu a operación notificando aos dous cazadores que circulaban no todo terreo onde se incautou o veleno, a súa condición de investigados como supostos autores dun delito contra a flora e a fauna, por empregar veleno para a caza, sen estar legalmente autorizados.

A vinculación da utilización do veleno para a caza furtiva de depredadores naturais é unha das principais causas de envelenamento no medio natural, asociándose o seu emprego a unha xestión irregular das poboacións destes animais predadores nos cotos de caza.

As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución Nº 1 de Tui.

Anuncios