A Xunta entrega á Mancomunidade do Val Miñor un novo equipo de excarceración para o GES

FOTO: XUNTA DE GALICIA // O alcalde e presidente da Mancomunidade e o coordinador do GES recolleron o novo equipo de excarceración.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega de diverso equipamento de emerxencias a 16 concellos da provincia de Pontevedra, mediante o cal se segue reforzando a xestión das emerxencias na nosa comunidade.

Ao abeiro das axudas da Vicepresidencia para equipamentos de emerxencias, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, grazas ao programa Operativo Feder-Galicia 2014-2020, foron adquiridos 7 remolques de emerxencias, 2 baúis de salvamento e rescate e 1 equipo de excarceración cun investimento de máis de 166.000 euros.

O alcalde e presidente da Mancomunidade do Val Miñor recolleu xunto o coordinador do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), Óscar Arévalo, un equipo de excarceración valorado nuns 43.000 euros, que supón un reforzo importante na actuación do persoal de bombeiros en accidentes de tráfico, excarceracións, levantamento de obxectos pesados (por exemplo tractores), corte de elementos e outras utilidades.

“Este equipo permite aos servizos de emerxencias rescatar aos ocupantes dos vehículos cando se produce un accidente no que quedan atrapados no interior. Trátase por iso dunha ferramenta imprescindible para os servizos de emerxencias que permite actuar con rapidez para que o equipo médico poida atender aos atrapados, e que tamén supón unha maior seguridade para os membros do servizo de emerxencias no seu traballo”, destacou Ángel Rodal.

“O obxectivo é conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen nas mellores condicións, e de forma segura, algo que se reverte, ademais de nas melloras dos efectivos do servizo, na atención ás emerxencias e ao cidadán”, comentou Rodal.

“Con este novo material dispoñeremos dun dos equipamentos máis punteiros, podendo así xubilar o que utilizabamos ata agora, que non está tan á vangarda. Prodúcese así un salto de gran calidade no servizo. Ademais, poderemos intervir dunha forma máis rápida e máis segura”, comentou o coordinador do GES do Val Miñor.

Foron entregados tamén 7 remolques de emerxencias para os concellos de Caldas de Reis, Cuntis, Poio, O Porriño, Portas, Redondela e Agrupación de concellos de A Lama, Covelo, Fornelo de Montes, Mondariz, Mondariz Balneario; e 2 baúis de salvamento con diverso material de salvamento e ademais padiola de rescate, taboleiro espiñal e maletín de osixenoterapia, para os concellos de Pontecesures e Vilagarcía de Arousa.

Rueda gabou a labor altruísta dos voluntarios, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns e a dotalos dunha maior seguridade, complementando a labor que levan a cabo outros servizos profesionais de emerxencias coma bombeiros ou GES, polo que o Goberno galego nos dous últimos anos levou a cabo un importante investimento en medios materiais para as Agrupacións, que supera os 8 millóns de euros en equipamento cedido aos concellos galegos.

Anuncios