O PP presenta este sábado a Ángel Rodal como candidato á alcaldía de Baiona

Ángel Rodal Almuiña será o candidato do Partido Popular en Baiona e o acto de presentación será este sábado, 29 de setembro, ás 19:00 horas no Parador Nacional de Turismo “Conde de Gondomar”. Contará co respaldo do presidente provincial, Alfonso Rueda, do coordinador comarcal, Jesús Almuíña, así como de ex ministra Ana Pastor, entre outros. A presentación do que será o cabeza de lista do PP en Baiona será o quinto dos actos de presentacións de candidatos que o Partido Popular previu realizar por toda a provincia durante os meses de setembro e outubro, tras os de Nigrán, Ponteareas, Vigo e Ponte Caldelas.

Ángel Manuel Rodal Almuiña, naceu en Baiona o 6 de Maio de 1967. A súa traxectoria profesional está ligada á medicina natural. A súa especialidade é a terapia curativa da saúde. Durante 17 anos traballou na súa consulta privada de Sabarís como terapeuta de técnicas complementarias, traballando disciplinas como a acupuntura, a osteopatía e a naturopatía. No seu haber ten diversos cursos que o acreditan como experto, entre eles un Posgrao en China de masaxe Tuina. Tamén foi profesor de técnicas parasanitarias nos centros de Vigo, Coruña, e Ferrol durante 4 anos.

Rodal, ten unha extensa carreira na política municipal de Baiona, pois leva nela desde o 2003. Desde ese mesmo ano ata novembro de 2004 formou parte da oposición, a pesar de que os populares foron a lista máis votada naquelas eleccións.

Desde novembro de 2004, despois de que prosperase a moción de censura ao por entón equipo de goberno formado por PSdeG e BNG, Rodal entrou a formar parte do goberno baionés xunto ao PP pasando a ocupar ata o 2007 a Concellería de Medio Ambiente. Tras as eleccións municipais dese ano, ocupou a Concellería de Turismo ata o 2011. Desde o 2011 ostentou o cargo de Primeiro Tenente de Alcalde, función que ata 2015 compaxinou coa Concellería de Medio Ambiente e coa de Vías e Obras. Tras as eleccións de maio de 2015 Rodal mantivo o seu cargo como Primeiro Tenente de Alcalde, conservando a Concellería de Medio Ambiente e sumando a de Deportes, ata que no mes de outubro converteuse no novo rexedor de Baiona tras a renuncia do seu predecesor, Jesús Vázquez Almuíña, ao ser nomeado novo conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.