O pleno de Nigrán aproba o recoñecemento de facturas por valor de 165.000 €

O goberno de Nigrán aprobou co apoio do BNG e coa abstención dos demais grupos o recoñecemento extraxudicial de crédito de 164.883,30 € en facturas sen abonar a provedores (46 por importe de 119.257,89 €) e gastos tales como a defensa xudicial ou desprazamentos e dietas do persoal do Concello de Nigrán (45.625,41€). Previamente foi rexeitada unha emenda do PP para tan só se abonasen as facturas do seu mandato e correspondentes a gastos xudiciais, deixando fora todos os demais pagos a provedores.

«Moitas destas facturas correspóndense a axudas de emerxencia aos incendios, a entidades sen ánimo de lucro como o programa “Vacacións en Paz” de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a entidades como o Instituto de Estudios Miñoráns, Breogán Valle Miñor…», incide o alcalde, quen destaca que «o Concello ten a obriga de pagar e non de enriquecerse inxustamente nin prexudicar a empresas que prestaron correctamente o seu servizo». Nesta liña, o rexedor lamenta que non se recoñecesen 71.193,22 que, entre outras cousas, se corresponden a desprazamentos extraescolares de colexios de Nigrán (5.000 €), actuacións ou trofeos conmemorativos.

Ademais, a corporación rexeitou a moción de Nigrán Decide (cos seus únicos votos a favor) para baixar o IBI do 0,50 ao 0,45% ao considerar que se trata dunha medida que beneficiaría exclusivamente a grandes propietarios e prexudicaría ás persoas que máis o necesitan, xa que ao diminuír a recadación do Concello habería que recortar en gasto social, emprego ou educación. Cómpre recordar que o Concello de Nigrán ten un dos IBI máis baixos da comarca tras acordar a corporación por unanimidade a súa rebaixa no 2016.

Finalmente, a corporación acordou iniciar o procedemento para xestionar de forma pública o Real Club Náutico de Panxón ante o fin da concesión, así, o rexedor informou á corporación de que esta semana realizou a petición por escrito a Portos de Galicia. Ademais, a corporación acordou tamén continuar coa tramitación do PXOM con absoluta transparencia, participación e consenso, tal e como o goberno está levando a cabo nos últimos tres anos (esta fin de semana continúan as reunións nas parroquias con Panxón e Priegue).

Anuncios