O Concello de Nigrán e Asefoga reparten trampas contra a vespa velutina

O Concello de Nigrán acolleu esta mañá un stand informativo sobre a vespa velutina da Asociación Forestal Galega (ASEFOGA) en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Dous técnicos informaron aos interesados sobre esta especie invasora, ao tempo que repartiron medio cento de trampas realizadas de xeito artesanal con botellas de auga. O obxectivo é promover a sensibilización da opinión pública fronte á problemática que leva, reducir o seu impacto ambiental na comarca, reducir o uso descontrolado de trampas non selectivas e mellorar o coñecemento da especie.

Dende o Concello de Nigrán, a través do edil Alfonso Vázquez, repartíronse este ano gratuitamente entre os veciños 100 trampas (que se suman ás 150 anteriores) e 100 litros de líquido atraínte. Asemade, o propio Alfonso Vázquez fumigou cen niños, o último hoxe mesmo.