
Os traballadores dos PACs non puideron constatar na reunión do pasado venres a vontade negociadora expresada polo SERGAS tras a morte dun paciente no PAC A Estrada este verán, e o autonomeamento do presidente Feijóo como defensor dos traballadores/as da Sanidade.
Tras sete meses, as negociacións persisten estancadas na distribución e cálculo da xornada do colectivo, o primeiro punto da negociación. Se ben se expuxo o venres a proposta de dotar de máis persoal aos PACs de forma permanente, sorprendentemente, por contraditorio, non se propuxo ningún mecanismo para evitar as ausencias de facultativos que, tras o verán, se seguen a producir no reforzo en algúns PAC, como a que concorreu na morte denunciada no PAC de A Estrada. Tampouco se chegou a ningunha conclusión respecto a que PACs precisarían aumentar a dotación.
O persoal de PACs agrupado na plataforma “PACs en pie de guerra” quere recordar que estes problemas asistenciais ,que afectan a usuarios e ao propio persoal, son a prioridade dos problemas a solucionar. Pero para solucionar os problemas asistenciais é necesario que o SERGAS organice a xornada aplicando os criterios do Pacto con neutralidade de permisos e IT e diferenciando a xornada obrigatoria e a complementaria no calendario anual.
“Por un lado, o SERGAS elaborou unha fórmula mal confeccionada para o cálculo da nosa xornada anual, o que redunda en ter que facer horas de traballo a maiores cada vez que se sufre unha incapacidade temporal ou se desfruta un permiso retribuído. E segundo, as horas a maiores das xornada obrigatoria anual, equivalentes a «horas extraordinarias» e por tanto voluntarias, non son tales por constar no calendario como xornada anual e sen diferenciar”, sinalan.
Como pode entenderse, ambas cuestións buscan chegar ás condicións de traballo e retributivas mínimas do resto de colectivos da Sanidade Galega, non un incremento das xa existentes no colectivo. Unha situación sen parangón no resto de SERGAS, que motivou múltiples demandas xudiciais, e para os que os propios traballadores teñen proposto solucións que a administración se nega a considerar.
Por todo o exposto, cren que o escenario creado pola administración é un dos peores dos posibles: non arranxar as condicións de traballo e retributivas do persoal dos PACS, non permite avanzar cara a solución dos problemas asistenciais. Pero para empeoralo aínda máis, non existen propostas para resolver os graves problemas de cobertura asistencial que seguen a producirse tralo verán debida á falta de facultativos nas listas de substitución.
Polo tanto o colectivo de traballadores/as dos PACs agrupados na plataforma van ter reunións nesta semana para estudar novas respostas á pasividade e á dilación na negociación que se ven dilantando desde fai 7 meses. Tras todo este tempo e vendo que as consecuencias estanse agravando con falta de cobertura de mínimos co resultado da repercusión nos enfermos, gardas impostas desde as xerencias, correos convidando a facer máis xornada para non deber horas ao SERGAS en caso de baixa ou outros permisos ou denegacións de permisos, vacacións ou mesmo reducións de xornada por coidados de fillos a cargo, o colectivo xunto coas organizacións sindicais están dispostos a dar novos pasos nas súas reivindicacións.