Baiona celebra a Romaría de San Cosme e Damián

Os días 25 e 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, reuniranse como cada ano miles de fieis na contorna de Santa Liberata para participar nalgún dos cultos que se celebran na honra dos santos Cosme e Damián, para gozar das actuacións musicais ou ben para participar no tradicional mercadillo de froitos do campo e produtos outoñais.

Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandeireteiras e pasarrúas. As festas comezarán o martes ás 11:00 horas coa tirada de lumes e as 18:00 horas levará a cabo un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Os Trebellos” de Baíña polo Recinto de Santa Liberata.

O mércores día 26, día principal da Romaría e festivo local, haberá misas ás 8:00 e 9:00 da mañá na capela de Santa Liberata. Ás 11:00 horas e, tras a tirada de bombas de palenque, sairá a procesión que percorrerá as rúas do casco antigo, acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona, e a continuación, ás 12:00, terá lugar a Misa Solemne na ex Colexiata. Ás 13:00 e ás 19:00 horas está previsto que actúe novamente o grupo de gaitas “A Seneira” e a Escola de Danza “Vila de Baiona” no recinto de Santa Liberata. Na ex Colexiata tamén haberá misa ás 10:00, 18:00 e 20:00 horas.