Anuncios
Ticker de novas

A Xunta conclúe a pavimentación do patio do CPI Cova Terreña en Baiona

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, achegouse hoxe ata o CPI Cova Terreña en Baiona coincidindo coa finalización das obras de pavimentación proxectadas neste centro escolar pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Unha intervención á que o departamento autonómico destinou máis de 42.000 euros e que consistiu na reforma dos espazos que ten o centro ao aire libre.

Segundo explicou o delegado, con esta actuación o departamento autonómico deu resposta a unha demanda da dirección do centro que argüíu que o pavimento atopábase moi degradado polo paso do tempo, impedindo un desenvolvemento axeitado das actividades escolares, deportivas e de lecer. As obras, cun prazo de dous meses de execución finalizaron xusto para o inicio do actual curso escolar.

A intervención supuxo a construción de novas soleiras de formigón armado cun espesor de 15 centímetros, con mallazo e fibra de polietileno, pulido posteriormente mediante fratasadora mecánica, con incorporación de cuarzo e acabado natural. Previamente, executáronse as obras necesarias para a recollida de pluviais e a súa condución ao aliviadeiro.

Durante a visita, López-Chaves estivo acompañado ademais de polo alcalde baionés, Ángel Rodal, polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, quen fixo fincapé no esforzo inversor da Consellería en melloras nos centros educativos desta localidade pontevedresa con preto de 1 millón de euros desde o 2009.

O delegado territorial, que comprobou a correcta finalización dos traballos, tivo tempo para departir coa dirección do centro e o cadro de profesorado, así como coa Asociación de nais e pais de alumnos, “moi agradecidos –dixo- cos novos patios do centro”.

Intervencións a maiores no CPI Cova Terreña

O pasado mes de abril, igualmente en colaboración coa Consellería de Educación e a Concellería de Educación do Concello de Baiona, realizouse unha renovación integral das canalizacións exteriores no centro. Tratáronse dunhas obras de gran magnitude pois ademais da renovación total da rede de abastecemento e saneamento, se separaron as augas pluviais da parcela para poder tratalas de maneira diferenciada.

Ademais, por parte da Concellería de Educación do Concello de Baiona realizouse un importante investimento en melloras para o centro: instalouse un novo lote de elementos de xogo no parque de infantil e tamén se adquiriron canastras e porterías. Pintouse todo o patio dos máis pequenos e dotouse de valos de madeira para maior seguridade. Todo isto sumado ás actuacións que se realizaron durante o inverno como foron as tarefas e illamento e instalación de tarima na planta baixa do edificio de infantil. A maiores elimináronse as lousas do patio infantil substituíndoas por pavimento de caucho continuo. Este mesmo material utilizouse na zona de xogos interior do centro que tamén foi renovada integramente.

“En todos os casos trátase de melloras para o desfrute do alumnado que foron coordinadas pola Concellería de Educación coa propia dirección dos centros e que priorizamos co obxectivo de non entorpecer para nada o curso escolar “, explica o alcalde, Ángel Rodal.

“Apostamos polo ensino público e asumimos cada verán obras de mellora co obxectivo de non crear incomodidades durante o curso. A Concellería de Educación do Concello realizou un gran esforzo e, ademais dos habituais traballos de mantemento, deu un paso máis e realizou un gran número de melloras nos diferentes centros das parroquias”, resume o alcalde.

Anuncios