Anuncios
Ticker de novas

UCN considera positivo que Nigrán poida recuperar as instalacións do Náutico de Panxón

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz, Antonio Fernández Comesaña, considera moi positivo para Nigrán que se poidan recuperar as instalacións do antigo Club Náutico de Panxón, para uso e goce dos veciños. O grupo apoiou na Comisión Informativa de Asuntos Xerais a proposta exposta polo grupo municipal de Nigrán Decide, que foi asumida por unanimidade por toda a Corporación.

UCN entende que unhas instalacións construídas na década dos anos 60 como Club Náutico, xestionado por un reducido grupo exclusivo e elitista de residentes en Panxón, sen que os veciños nin mariñeiros puidesen ter acceso ás súas instalacións, e que desde hai bastantes anos non se están realizando actividades náutico-recreativas, limitándose exclusivamente á explotación como negocio de hostalería, e que desgraciadamente bastantes problemas xeraba aos veciños durante a tempada estival.

UCN considera unha magnífica oportunidade para que o Concello de Nigrán expoña a Portos de Galicia a posibilidade de recuperar para o dominio público local as citadas instalacións, e así poder destinalas a actividades náutico-deportivas, das que lamentablemente Nigrán carece, antes de que volva ser privatizada a súa xestión para uso hostaleiro, polo que non cumpriría os fins previstos.

UCN propón e considera moi importante tamén poder abrir as citadas instalacións aos mariñeiros de Panxón, dado que non dispoñen de local algún para as súas necesidades e así compartir actividades, despois de tantos anos no esquecemento.

Fernández Comesaña, confía en que o alcalde Juan González, unha vez aprobada a proposta no próximo pleno, sexa capaz de xestionar ante Portos de Galicia o destino das instalacións do Club Náutico de Panxón, para uso e goce de todos os veciños de Nigrán.

Anuncios