Gondomar apoia a protección do Galiñeiro

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Gondomar protexerá a Serra do Galiñeiro fronte aos intereses económicos de calquera empresa privada. A proposta, exposta polo grupo socialista, e debatida no pleno extraordinario celebrado o pasado martes, solicitará á Xunta a inclusión do espazo natural dentro da Rede Natura 2.000, que se declare como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), ademais de introducilo dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal como unha zona de protección natural, tal e como adiantara o alcalde, Francisco Ferreira, o pasado mes de agosto.

A moción saíu adiante cos votos a favor do PSOE, Manifesto Miñor, Gondomar Concello Aberto, e as abstencións de IxG e PP. Desta maneira o goberno local gondomareño posiciónase en firme en contra do proxecto de parque eólico no devandito enclave, case a piques de cumprirse o primeiro aniversario dos incendios acontecidos o 15 de outubro, e un mes despois de que unha empresa de capital Saudita interesásese en instalar aquí un parque eólico.

A pesar de todo, Ferreira explicou que a última palabra tena a Xunta de Galicia, por iso a súa proposta irá máis aló e presentarana na Mancomunidade, no resto de municipios da provincia onde goberne o PSOE e mesmo no Parlamento Galego. “Somos conscientes de que a Administración pode elaborar un plan sectorial que autorice explotacións na zona, co que imos poñer toda a carne no asador”, sentenciou.

Recollida de lixo

Por outra banda, o pleno aprobou a adxudicación do servizo de recollida de lixo á UTE FCC-Ingeser, o que supón o primeiro paso para desbloquear unha situación irregular na que se atopa inmersa desde hai 4 anos. Agora a empresa ten un prazo de 10 días para presentar a documentación requirida e terá que volver ser levado a pleno, ademais de saír aprobada con maioría absoluta, e non simple, tal e como ocorreu na sesión do pasado martes.